28/4/09

Maratón de Madrid 2009

SACANDO PEITO
Meses de entreno cun obxectivo: MAPOMA 2.59.59´´. A Vig-Bay como un test: perfecto, asumo posibilidades reais de acadar o obxectivo. A semana seguinte parado por unha lumbalxia. Nos vinte días previos a Madrid non me saen moitos quilómetros nin bos tempos nas series. Na cabeza: coller axiña ao grupo sub tres horas e aguantar con el todo o posible. O día anterior mensaxes e chamadas telefónicas de ánimo. Grazas.


Desde uns dez días previos á carreira andivemos moi preocupados polo tempo. As previsións eran pésimas: frío, vento e chuvia. Non podían ser peores. Logo as previsións foron mudando: que se aumento das temperaturas, que se escasa probabilidade de auga, mais finalmente, dous minutos antes da carreira comezou chover e fíxoo durante media hora.

Na liña de saída a nosa Keniata que tiña reservado un espazo supervip (dorsal 47) preferiu compartir os últimos instantes cos seus dous compañeiros, xesto que agradecemos profundamente. Bicos desexándonos sorte (o triatleta e o cronista tamén nos bicamos porque o cortés non quita o valente) e pistoletazo. A polas tres horas.

Axiña, no quilómetro un, engancheime co globo das tres horas. Chegamos á Praza de Castilla e comezamos o descenso. No quilómetro dez os comentarios no nutrido grupo son que o ritmo é moi rápido (quilómetros de 4.00, de 4.04) porque se saíra moi lento e había que gañar tempo para compensar os sete últimos quilómetros en subida. Aguantei con eles comodamente ata que descenderon un pouco o ritmo, ala polo 17 e deixándome ir, os adiantei. Un xemelgo comeza a cargarse, aguanto. Pasamos a media maratón en 1,27,08´´ (que loucura). Aparecen as gañas de evacuar líquido e tras pasar Ferraz e nunha pronunciada costa achégome a unha árbore. Perdo 40 segundos. Ao evacuar asústome un poco ao ver o gran número de atletas que corremos no grupo das tres horas, facilmente seríamos uns 50.

Reintégrome na carreira e volvo a engancharme ao grupo das tres horas no quilómetro seguinte co que recorro, case sempre na cola, doce quilómetros máis. E a gran alegría, alá polo 27 e de entre o escaso público da Casa de Campo, xurde unha marabillosa figura protexida por un plástico azul, xurde Chema, o Farmacéutico Veloz, o Meu Heroe. Inmensa alegría. Quero abrazalo, quero bicalo (case o consigo). Dáme ánimo, dime que vou cojonudo, co moi bo ritmo. Agradecinlle toda a carreira os seus ánimos. Tiña que chegar, non lle podía fallar.


Voume quedando descolgado do grupo. Téñoo á vista pero xa a vinte, trinta metros. Na saída da Casa de Campo xurde (non o lembraba) o Angliru: unha costa tremenda, corta e pero moi dura. Non debo ir moi mal, dígome, cando adianto a xente mentres a subo. Pero o grupo vaiseme marchando. Tras coroar, acelero o paso e na baixada seguinte, engánchome de novo ao grupo. Corro un quilómetro no medio do xa pequeno grupo (unhas 15 unidades). Pouco a pouco empezo, de novo, a distanciarme uns metros.

Xa no quilómetro 30 estou convencido que acadarei o obxectivo, baixar un segundo das tres horas. O tempo de paso é fantástico, 2,05,00´´, máis de dous minutos por baixo do previsto e soñado. Hai marxe de sobra. Tras pasar polo Vicente Calderón chegamos ao 35. Vou no medio do cada vez máis reducido grupo. Sabía que a carreira comezaba alí. Sete quilómetros de subida. Pero había marxe (mantiña os algo máis de dous minutos). O xefe do grupo das tres horas achegóuseme un par de veces nestes quilómetros finais, comenteille cal era o meu obxectivo, deume ánimos e díxome que non me preocupara que podía baixar o ritmo ata 5 minutos por quilómetro (na meta agardoume para felicitarme; grazas, tío).

Era consciente que a partir de Atocha viña o peor (quilómetro 39). Concentración, baixar ritmo, unha perna detrás da outra. Unha perna detrás da outra. Unha perna detrás da outra. Chegamos á parte de abaixo do Retiro (Avenida Afonso XII). Sufro. Última subida. Último quilómetro. De súpeto os berros de Bea (Antonio!, Antonio!). Nunca saberá Bea que inmensa alegría produciume escoitar a súa voz, unha voz de ánimo só para min. Grazas Bea. Logo os berros de Isabel, Eva e Pepe (grazas compas). Vexo a meta...2.59...27´´. A clasificación non me importaba pero... 327 sobre 8.945; na categoría 37 de 1.139.

OBXECTIVO CUMPRIDO: non hai cansazo só alegría e emoción.
CHEMAUnha maratón é unha carreira para a cabeza. As pernas deben estar entrenadas pero sen cabeza nin se remata nin se goza. Os obxectivos debe ser realistas, a cabeza debe marcarnos os ritmos, proporcionarnos estímulos positivos, non permitir que o cansazo nos derrote. Pero e o corazón? Onde queda o corazón? Para os tres maratonianos do club o corazón foi Chemaman. Unha persoa capaz de realizar 1.200 quilómetros para dar simplemente un abrazo nunha carreira ten que ser todo corazón. Unha persoa que xurde de entre o público na segunda parte da carreira, nunha zona sen público (Casa de Campo) para dar un abrazo e unhas palabras de ánimo ten que ser todo corazón. Só por non defraudalo puidemos rematar a carreira, se el esforzouse tanto para animarnos, non lle podíamos fallar. Fálase da soidade do corredor de fondo… con Chemaman nunca estivemos sós. Correu con nós. Grazas Chema, O noso Heroe.

27/4/09

Un heroe e tres maratonianos


Hoxe participamos e corrimos no Maratón Popular de Madrid. Nuns días poderedes ler as crónicas, mais, urxentemente, os tres atletas queremos darlle as grazas ao FARMACÉUTICO VELOZ, quen desde hoxe, e polo menos para mín cambiou de nome, agora será:

O N O S O H E R O E


Xa están os resultados provisionais: da Keniata de Montrove, do Triatleta e do Cronista.


G R A Z A S C H E M A

23/4/09

Deporte e literatura: Murakami


Unha amiga moi especial vén de agasallarme con este libro dun famoso escritor xaponés: Haruki Murakami. Do que estou a falar cando falo de correr. 2009, Galaxia.

Como o o título é dabondo expresivo sobre cal é o seu contido, vou citar tres parágrafos do mesmo

Non é que non teña espírito de competición. Mais, non sei por que nunca me importou o feito de gañar ou perder contra alguén. Esa tendencia miña non mudou case nada cando me tornei adulto. Non me importa moito gañar ou perder fronte a alguén, en calquera asunto. Non entanto, o meu interese céntrase máis en se podo superar ou non os obxectivos que establezo para min mesmo. Visto deste xeito, as carreiras de fondo son un deporte que se axusta perfectamente á miña mentalidade.

Lembras querida amiga algún comentario teu na Estación de Cambre?
Eu non son competitivo. Non somos competitivos. Só queremos mellorar.


Se corredes un maratón enteiro, decatarédesvos de que para correr non é tan importante gañar ou perder contra alguén na carreira. Evidentemente, superar o rival que está diante tórnase nun asunto primordial para os corredores que van en cabeza e que aspiran a conseguir a vitoria, mais para os corredores comúns da cidadanía o feito persoal de gañar ou perder non é unha cuestión importante. Talvez haxa alguén que teña unha motivación especial, como “non quero perder contra ese”, que pode servir de estímulo para o adestramento. Mais no caso de que ese rival determinado non poida participar na carreira por algunha razón, a motivación desaparece (ou redúcese á metade) como resultado, e daquela non se poderá continuar moito tempo como corredor.

A maioría dos corredores medios afronta a carreira establecendo unha meta persoal de antemán; por exemplo: “hoxe fareino neste tempo”. Se conseguen correr nese tempo, el/ela lograrán algo, e no caso de non o superar, non lograrán ese algo. Aínda que non poidan cumprir co tempo, haberá unha satisfacción porque fixeron todo o que puideron, e o logro talvez non sexa chegar a sentir unha resposta positiva que se conservará para a próxima carreira, ou calquera especie de gran descuberta. Dito doutra maneira, o criterio máis importante para un corredor de fondo é se sente ou non orgulloso de si mesmo ao rematar a carreira (ou tal vez algo semellante ao orgullo)

Quen isto escribe leva case trinta maratóns rematados (a un tempo medio de 3,30, moitos triatlóns e algunha proba de cen quilómetros en pouco menos de 11 horas)

Por certo aínda non está traducido ao castelán, pero podedes ler a versión orixinal Hasbiru koto ni tsuite kataru toki ni boku no kataru koto ou ben a inglesa “What i talk about when i talk about running”. Un bo libro para ler na viaxe ao Maratón de Madrid.


GRAZAS LOLY

16/4/09

Preparándonos para o MAPOMA

Un amigo que din as crónicas históricas que foi deportista, envíanos o seguinte vídeo, seguramente con tanta envexa como mala host...


Como os "expertos" sabemos que non é para tanto, vexamos outros vídeos:





8/4/09

Arquivo fotográfico Life: maratón

Como algúns andamos na fase final da preparación, apesar da lumbalxia, da Maratón de Madrid, imos hoxe a recrearnos a vista empregando as posibilidades que nos ofrece o arquivo fotográfico da revista LIFE. Supoño que nas fotos recoñeceredes a un dos históricos da distancia e mesmo a un español.