31/12/11

San Silvestrre de A Coruña 2011




O Comensal Austero, O Cronista, Alberto, Dani, Antonio A., Paloma, Sandra… participaron na San Silvestre de A Coruña. Para algunha foi a súa primeira carreira pero nun territorio moi coñecido (verdade Paloma?) e ademais foi moi ben acompañada por un maratoniano (Antonio A.) e por un proxecto de maratoniano (Raúl). Sandra, puro glamour, vai mellorando na súas marcas e xa ten a tiro baixar das dúas horas na Vig-Bay. O Cronista foi un coñazo e fixo esperar aos amigos á entrega de premios. Resultados.





 

7/11/11

8ª Maratona de Porto 2011: uma boa corrida



ADESTRAMENTOS
Tras a mala experiencia mental da pasada Marató de Barcelona 2011 e a pesares da boa marca (Pili, admito 3,02,40 como boa marca), o corpo e a mente necesitaban repouso: marzo e abril. Tras pasar a facer un arranxo de chapa e pintura (o piramidal semella non ter amaño posto que sigue molestando permanentemente), en maio decidín iniciarme, de novo, do mundo do trote “borriquero”. En paralelo tratei facer unha ou dúas sesións semanais de ximnasio (Toni, cabrón)

Ademais volvín as competicións en Lira e Carnota, Pobra do Caramiñal, no dez mil de  A Coruña (37.30´´) e na media maratón de La Bañeza (1.22.15´´).

Alá por agosto, no cerebro volveu a idea de facer outra maratón como único remedio para que se curaran as feridas mentais de Barcelona. Escollín a de Porto pola súa proximidade xeográfica. As dez últimas semanas de adestramentos non foron tan perfectas coma na preparación do de Barcelona: os tempos das series non foron tan bos pero adestrei sen presión e sen tensión e, de feito, a cabeza estivo tranquila e ilusionada por volver a gozar desta proba e con gañas de demostrarlle ao cerebro que o corpo tamén sabe correr. Sen embargo fixen máis quilómetros…

As estatísticas destes meses de adestramentos  son as seguintes:
Maio: 134 km. a unha media de 4,45 o km e cun percorrido medio de 9,5 km.
Xuño: 195 km. a unha media de 4,39 o km. e cun percorrido medio de 13,9 km.
Xullo: 288 km a unha media de 4,26 o km. e cun percorrido medio de 16,9 km.
Agosto: 299 km. a unha media de 4,20 o km. e cun percorrido medio de 14,9 km.
Setembro: 319  km. a unha media de 4,23 o km e cun percorrido medio de 16,7 km.
Outubro: 366 km (rércord persoal nun mes) a unha media de 4,20 o km e cun percorrido medio de 18,3 km.
Mirade as estatísticas tiradas do meu Strands:




Como cando preparei a última de Barcelona, Pili tivo a ben axudarme nalgunha tirada longa e tamén como cando na de Barcelona, Pili quixo cambiar a residencia algúns días (ánimo, campiona).

PREVISIÓNS CLIMATOLÓXICAS
En canto ao tempo climatoloxicamente falando… as previsións nunca foron boas… hai uns dez días eran de moita chuvia e vento duns 10 qm/h, logo foron mellorando ata suprimir case a posibilidade da auga pero aumentando a dureza do vento: 18 km/h do norte. En principio non sería o peor vento posto que a maior parte do percorrido era en dirección oeste-leste e viceversa, só do quilómetro 37 ao 40 hai un tramo en dirección sur-norte polo que debería gardar forzas (eu gardando forzas para o final?, imposible) Finalmente tivemos 7 graos á saída e chegamos con vento e cun día de sol magnífico.

VIAXE
Nesta ocasión, ademais da eterna  ISA, acompañáronme Pepe e Eva, non sei se para facerme de condutor ao regreso, probar o viño de Porto ou tentar obter algunha foto nos últimos metros porque, en principio, non estaban dispostos a animarme no percorrido.

EXPECTATIVAS
Analizada as tres últimas participacións en maratóns, creo que debo aprender unha lección contundente: hai que ser prudentes. Na maratón de Barcelona do 2011 pasei a media en 1.23´, na de 2010 en 1.24, mentres que no Mapoma de 2009 en 1.27´. Manteño o obxectivo de baixar algo das tres horas polo que tratei de convencer á miña cabeciña de pasar a media por riba de 1.26´. Deste xeito, cría, que por unha banda gardaría algo de forzas e, por outra, tería posibilidades de mellorar a marca persoal de 2.57´.17´´.

PORTO
Viaxamos a Porto acompañados polos nosos escudeiros Eva e Pepe. A cidade está fermosísima. O Hotel estupendo, con permiso para deixar a habitación ás 15 horas por participar na proba. Retiramos o dorsal o sábado pola tarde/noite, despois de xantar un magnífico arroz de marisco. A bolsa do corredor é estupenda (canto nos queda por aprender, con viño do Porto incluído). Paseamos pola ribeira, tomamos café no Majesti e ceamos na Casa da Música do arquitecto Rem Koolhaas. Magnífico edificio e magnífica cea.
O domingo moi cedo fun á saída na avenida Júlio Dinís, ao carón da praza de Galiza (que bo sinal). Na saída ofrecen café e cha: todo un detalle. Só teño na cabeza unha palabra: SENTIDIÑO, teño que facer unha carreira con SENTIDIÑO, saír amodo e gardando forzas para o final. Pero a palabra que máis escoitei na corrida foi FORÇA. Saída picando moito para arriba, e logo… a tratar de facerlle caso á cabeza. No segundo quilómetro achégome ao globo das 3 horas, pouco despois vouno adiantado sen presa, comodamente. No quilómetro catro preocúpame que me siga adiantado moita xente… non poder ser. Alá polo décimo decátome de que son os participantes da Family Race de 12 quilómetros.

Non fago grupo e vou tirando só en terra de ninguén. Cruzamos o río pola ponte Dom Luis I. Antes do 21 paro a mexar (bato o récord persoal na cuestión: 35´´). Reintégrome sen problemas e asombrado porque tan só me adiantara un corredor. Dos quilómetros despois ficou detrás. Teño un grupo a menos dun minuto, vou tras el sen agobio… non o conseguirei coller… pero adiantareinos a todos nos catro últimos quilómetros.

Paso a Media en 1.28´. Paso o quilómetro 26 (o meu muro) sen problemas, vou cómodo e pensando que está vez si, esta vez rematarei sen sufrir e sen baixar moito o ritmo. Calculo que lle saco tres minutos ao globo das tres horas e podo andar en torno á miña marca. No 30 penso que Pili está agardando por min e que vai tirar o que falta. Sei que só me falará cando non existan costas pero notar a súa presenza faime manter o ritmo nas subidas. Aínda hai forzas e manteño un ritmo máis ca aceptable. No 35 creo que vou en moi bo tempo pero noto como o meu ritmo comeza a descender. Mais non importa: non son eu o adiantado polos corredores senón que non deixo de adiantar xente. Son quilómetros en solitario, notando o cansanzo mais tamén empezando a sentir a satisfacción pola "boa corrida". Saúdo a un de Verín, animo aos que paso. Os últimos quilómetro fanse difíciles: aparece o vento, sube a temperatura, pica para arriba. Cando faltan douscentos metros está o meu grupo animando e tirando fotos: grazas.

Meta en 2.58.38´´ de 99 na xeral e 9 na categoría. (Por terceira vez modificáronse as clasificacións, agora entrei de 104 e de 10 na categoría). Ata o quilómetro 30 fun a 4.10´´/km e de aí ata meta a 4.25´´/km. A media saíu a 4.13´´/km.

Non melloro a miña marca pero sigo baixando das tres horas. Entro feliz. Só o piramidal volveu a molestar mais non conseguiu que me parara. O resto do corpo está fenomenal, parece mentira que correra unha maratona. Unha rapariga ben fermosa cólgame a medalla. Dáme (pídolle) dous bicos. Agasállannos cunha nova bolsa do corredor. Tomo a cervexa máis fría da miña vida, está fantástica (destrozarame a gorxa para todo o día). Paso polos fisio. Non me saben tratar o piramidal.  Regreso ao hotel. Xantar na ribeira no Postigo do Carvao e regreso ao norte.
O percorrido é moi fermoso e bastante plano (moito máis ca Madrid), pero hai pouca xente animando o que provoca sensación de soidade (a soidade do corredor de fondo que se diría), mais un xa está afeito por non saberes correr en grupo (algún defecto teño que ter...)

A proba no Jornal de Notícias. Fotos da organización: Dorsal 1787.
Grazas a todos e todas os que me animáchedes nos últimos días. A vosa lembranza foi a miña forza.

Isa, Eva e Pepe estiveron inconmensurables: non deixaron a animar en toda a proba, cambiando de lugar, sorprendéndome en calquera esquiña, tirando fotos (non as poño por pudor) e dándome berros de ánimo. A pancarta que levaron era impresionante. Grazas, grazas, grazas.


SENTIDIÑO E FORÇA











17/10/11

XIII Media Maratón Vía de la Plata



Xa nada é como era. Estamos cambiando e non sei se para mellor...
O pasado fin de semana, dous sobranceiros membros do club participaron na Media Maratón Vía de la Plata en La Bañeza. Na noite anterior tomaron UN viño na praza maior de Astorga. UN. Ceamos pasta con auga e/ou cervexa sen alcohol. Non houbo gin tónic. Que está a pasar? Deixamos de ser como éramos?
De todos os xeitos algo non cambio, O Comensal Austero preferiu almorzar na habitaciónn do hotel (Señoría de los Bazán en Palacios de la Valduerna) antes que deleitarse coa amabilidade de Miriam e do seu suculento almorzo.
Tras recoller ao Comensal Austero en Lugo, pois tivo que aceptar, sen entusiasmo, a invitación de Fernando para gozar do viño e do polbo do san Froilán, viaxamos ata La Bañeza onde retiramos os nosos dorsais así como os de Antonio e do grupo de Bernardo (Noel, Pablo...) Poidemos comprobar o entusiasmo dos voluntarios na organización, case familiar, da proba. Agardamos no hotel por Paloma e Antonio para cear en Astorga.
Tras unha noite tranquila (o único que nos podería despertar en Palacios de Valduerna sería a Santa Compaña), dirixímonos a La Bañeza onde aparcamos ao tempo que Iván Helguera (moito coche, moita parella e moito tempo nesta proba) quen foi alí para preparar a Maratón de Nova York, como Antonio Álvarez. Agardamos polos que chegaban directamente desde A Coruña e preparámonos para gozar doutra media máis.
A proba é rápida posto que as costas non son longas nin moi pronunciadas. Mais non é especialmente fermosa posto que os lugares polos que transcorre non son os máis fermosos desas terras leonesas.
Na meta, auga, chocolate con bizcoito, lentellas e toalla de microfibra e lugar da eterna camiseta. O Cronista tras chegar á meta foi con Bernardo a buscar ao seus protexidos: Antonio e o Comensal Austero. Cando chegaron onde eles, lles quitaron a suor coa toalla e lles ofreceron auga ao tempo que lles daban folgos para facer os dous últimos quilómetros. Entraron fantasticamente: o Antonio controlando as pulsacións e Sobrinoff tan “sobrao” coma sempre.
Na meta tivemos un pequeno (ou grande polo tamaño do copón de 40 cm.) problema. Houbo que gardar pola entrega de premios posto que o Cronista acadou o primeiro posto na categoría de anciáns. Logo ducha e viaxe para degustar un cocido maragato na Casa Pepa (Santa Colomba de Somoza), organizado polo noso anfitrión Bernardo (moitas grazas). No xantar comportámonos coma sempre: dimos conta de todo mesmo da sobremesa (verdade Raúl?) Tras un paseo por Castrillo de Polvazares, iniciamos o regreso a Montrove.
Os resultados, a proba na prensa e procedencia das fotos da carreira.



9/10/11

V Carreira Popular A Coruña-10

Como ademais de xantar, beber e andar, ás veces (só ás veces) adestramos e participamos en carreiras… o pasado domingo 9 de outubro corremos A Coruña 10. Un dez mil que vaise consolidando grazas á nosa permanente participación.

Inicialmente xuntámonos algúns (O Triatleta, o Comensal Austero e o Cronista) do que da fe a fermosa foto da rúa Xoana de Vega (nome con importante connotación histórica, non si Sobrinoff). Posteriormente apareceu o clandestino de Roberto (sen inscrición mais con camiseta de agasallo e consumo de auga…), tamén vimos ao Frank de Montrove así como a Bernardo. Vamos que ao final éramos unha chea deles. Tamén andiveron por alí un par de fermosas damas acompañadas polo Mestres ciclista.

A carreira foi como todas, O Triatleta pelexándose co ritmo de 4 minutos/quilómetro. O Comensal Austero amosando o dominio do ritmo de 5 minutos/quilómetro ao tempo que adestraba para a Behobia-San Sebastián. O Roberto, sen adestrar pero correndo como sempre. Frank, facendo de mais con chegar á meta (lembrade que… “litros de alcohol corren por mis venas, mujer…”). Bernardo, gardándonos as costas a todos. E o Cronista sufrindo para facer un ritmo de 3,44´´/quilómetro e lembrando que tiña que facer outros 15 quilómetro máis (9º da categoría). A criticar, coma en anos anteriores, a estreitura da saída (así non hai quen corra...)

Foi un día magnífico para tomar o asfalto coruñés, onde puidemos saudar atodo o mundo” das carreiras populares. Esta proba comeza a ser tan participativa como as mellores de Galicia pero cun nivel… alucinante. Chegaron á meta un total de 1970 atletas inscritos.

Das ausencias, que dicir... que agardamos que moi cedo nos acompañen...

Foto da Avda. Mariña vía La Opinión.

28/8/11

III Carreira Popular Pobra do Caramiñal


Este domingo participei na III Carreira Popular Concello da Pobra do Caramiñal. O obxectivo era testar as pernas sobre asfalto en competición a pesares de non ter feita case ningunha tirada de series. Quedei sorprendido pola organización. Moitísima xente e institucións implicadas. Máis de novecentas persoas inscritas nas distintas categorías e probas. O percorrido era moi rápido e había que dar dúas voltas a un circuíto. A idea era non saír demasiado alegre, tratando de facer a segunda volta máis rápido ca primeira. Saín cómodo e fun adiantando xente, mesmo nos últimos cincocentos metros subín o ritmo e gañei varios postos.

Na xeral de 41 sobre un total de 291 rexistrados e na categoría (de 41 a 50 anos) 3º cun tempo de 23,15´´, supostamente a 3,34´´ o quilómetro. As xentes dicían que a distancia non eran realmente os 6.500 metros anunciados, senón un 6.320 polo que o ritmo sería de 3,40´´ por quilómetro, algo realmente sorprendente a estas alturas dos meus adestramentos.
Ao chegar á casa as primeiras palabras de Isa foron as habituais “Esa copa espantosa non a quero na casa”. En Louro, fica, pois.










Esta última foto ven desde Correr en Galicia.

20/8/11

Carreira a Pé de Lira e das Areas de Carnota




A pesares de que semella este club ser, ultimemente, un grupo de festeiros e festeiras, a nosa actividade atlética continúa. Por unha banda seguen os adestramentos pola Ría do Burgo do grupiño máis numeroso, o noso montañeiro PURA VIDA, continúa subindo e baixando montañas; o TRIATLETA anda rematando a súa tempada, e o CRONISTA, volve correr. Mentres, todos agardamos polo regreso da nosa KENIATA.

Coma en anos anteriores, en Agosto toca participar na Carreira a Pé de Lira e na das Areas de Carnota. Son as primeiras competicións en seis me
ses do CRONISTA. Na de Lira, pena de nubes que impediron ver o solpor sobre Fisterra, participou tamén Blas. Fixen o mesmo tempo que hai catro anos. Foron uns 7.300 metros. A organización, coma sempre, familiar e perfecta. Churrascada final. Noveno na xeral e cuarto na categoría. Boas sensacións.
Na Carreira das Areas de Carnota tivemos a marea a medio baixar polo que foi máis dura do habitual. A organización tenta sempre mellorar aínda que non sei se a colaboración de Cronotec é o mellor xeito. Na meta, bebidas, roscón e camisetas. Oportunidade de saúdar os participantes habituais destas probas e de coñecer o nacimento do Club Praia de Carnota Runners. Quedei primeiro da categoría e 19 na xeral.

15/8/11

Trotando por Louro



Nestes días de verán continúo facendo quilómetros por Louro (Muros). Debido á abundante presenza de cans tiven que modificar os recorridos habituais por este que vedes na ilustración: subidas suaves a ritmos suaves. Son 9.400 metros que repito dúas ou tres veces.

21/3/11

III Media Maratón de León: unha carreira con copyright


A perseveranza é unha calidade innata aos fondistas e a perseveranza no desexo de que o club estivera presente na III Media Maratón de León por parte do Tesoureiro da nosa institución, levou a que dous atletas inscribíranse nesta proba. Ademais estiveron acompañados por Antonio, gran colega de Sobrinoff, a súa esposa Paloma así como polo imprescindible Fernando.

Tras unha vi
axe tranquila e agradábel, dirixímonos á retirada dos dorsais, recollida da fermosa camiseta e a visitar a feira de deportes para logo tomar posesión dunha habitación tripla (as escasa, ou nula dietas do club impediron a contratación de tres cuartos individuais). Observade, por favor, a que tipo de hoteis vémonos obrigados a frecuentar. Isto non é un club nin ná de ná.

Posteriormente, as nosas pernas encamiñáronse polo Barrio Húmedo de León na procura dos seus afamados fiambres. Os viños magníficos, a cena impresionante. Neste apartado gastronómico-etílico debemos salie
ntar os gin-tónics do hotel Conde Luna, uns combinados con copyright. O seu barman, Manolín, experto e curtido mestre da noite leonesa, non quixo desvelar, pese as insistencias de Paloma, un compoñente das bebidas que nos preparou. Combinados con distintos tipos de xenebra en función do gusto do cliente: máis ou menos secos, máis ou menos suaves.

Na noite do sábado ao domingo, o lugués amigo Fernando, foi o garante do soño dos atletas ao erguerse ás 05,30 horas e enfrontarse no corredor do hotel a un nutrido grupo de rapaces alcolizados. Estivo duro, duro, duro. A iso das 8,00 horas Sobrinoff decidiu que xa era hora do tomar o almorzo
que trouxera desde Montrove: froita, queixo fresco, pan integral e zume. Este home está en todo.

Con tempo dabondo dirixímonos á saída, t
iramos unhas fotos con Bernando e o seu grupo. Mentres Paloma e Fernando tirábannos fotos pola carreira, o Cronista decidiu que ese domingo non era o seu día e decidiu probar unha nova sensación, a da retirada. Mentres Antonio e Raúl, saíndo de menos a máis foron aumentando o seu ritmo e adiantando ao grupo das dúas horas e ao do 1.50´ para entrar na meta por debaixo da hora e corenta e nove minutos. Acadaron os seus mellores rexistros na distancia. Terán límite estes atletas?


O circuíto é magnífico e fermoso. A meta é espectacular: nun estadio de atletismo ateigado de xente. A recepción aos participantes inmellorable (
canto temos que aprender…) e moi agradábel: campo de herba, animación, bolsa do corredor con múltiples agasallos… Tras a carreira gozamos dunha enchenta a base de embutidos, sopa de troita (xenerosa e fantástica) e outros manxares. A sobremesa que case ninguén quería (verdade Fernando) foi… uhhhhhmmmmm. Ao xantar estivemos invitados, en parte pola xenerosidade do noso anfitrión leonés e en parte porque as finanzas do noso club non dan para máis.

Foi un fin de semana cheo de todo: bebida, xantares, deportes, sol… Ata o vindeiro ano.

Relato da proba no xornal La Crónica de León e no Diario de León.


7/3/11

Maratón de Barcelona 2011: vai por ti, Pili

Isto de correr non é para persoas solitarias. É para correr con outras persoas, compartir os desexos e as expectativas con compañeiros/as de quilómetros. Correr significa, tamén, comentar con paixón o desenvolvemento das probas nas que participamos… Pois ben esta Marató 2011 foi moi distinta á como a pensamos, en plural, desde hai meses, creo que xa en setembro. Foron moitos quilómetros con Pili, moitas saídas en venres, varias tiradas longas en domingo, moitos luns compartindo abdominais e pesas no ximnasio para, a dúas semanas da proba, saber que a nosa Keniata de Montrove non ía poder participar. Fóisenos o seu desexo de facer 3.20´´ (eu creo que estaba para baixar comodamente das 3.15´´) mais ten que quedarnos a ilusión de poder seguir compartindo as vivencias cos amigos. Sei que ela ía correr comigo e sei que eu corría con ela. VAI POR TI, PILI.

Tras os problemas aparecidos febreiro de 2010, e tras tres meses de parón (abril, maio e xuño) volvín pouco a pouco a facer quilómetros. De xullo 2010 a febreiro 2011 estes foron os quilómetros por mes: 100, 186, 198, 234, 260, 314, 309, 302. En progresión e, sobre todo, nas dez últimas semanas seguindo estrictamente un plan de adestramento: aumentando as distancias e mellorando nos tempos das series. Como non hai maratón na que non me aconteza algo nos días-semanas previas, nesta ocasión apareceu unha gran ampolla no pé dereito e, sobre todo, collín unha gripe a cinco días da proba: martes, mércores, xoves, o venres e ata o sábado continuaron as dores de cabeza así como a sensación permanente de ter unhas décimas de febre...

Este ano sería miña quinta maratón e a primeira con 50 anos. O corpo e a cabeza quedaran cansos dos adestramentos e me pedían que esta sexa a última que preparamos para mellorar marca persoal. O ano pasado fora de 2.57´. Tal e como se comportaron as pernas, cría posible baixar algúns segundos das 2.55´. Co esta idea marchei a Barcelona, acompañado por Isa, sen que nada disto sería posible: o apoio, comprensión e o seu cariño son fundamentais.

En Barcelona, a rutina: chamadas á familia. O sábado, turismo bibliotecario por Sabadell e xantar con Jordi. Café con Angels. Sesta, preparar a equipación do día seguinte (dorsal 1289), teléfono, cea. Durmir.


1ª Media Maratón para correr: 1.23.16
Cheguei con calma á liña de saída con tempo para sacar a foto dedicada a Pili. Fago un pouquiño de quecemento e de estiramentos. Cinco minutos antes da nosa saída saen os das cadeiras de rodas e, tras dous minutos, o grupo elite. Ás 8.30 saímos o resto. Trato de ir amodo pero vexo como os globos de 2.45 e 3.00 van moi rápidos. Tardo quilómetro e medio en coller ao de 3 horas. Fago os dous primeiros quilómetros por baixo de 3.40´. Teño preto o globo de 2.45´, decido non ir por el. Son consciente de que estou facendo un ritmo por baixo de 4.00´´o quilómetro. Fágome ilusións dunha marca magnífica… Saúdo a Montse e ao grupo de animadores do Club de Atletismo Sada. Celia tira esta foto (grazas). Trato de ir máis amodo pero as pernas non queren. Paso a media maratón moi, pero que moi, rápido: 1.23.16.


2ª Media Maratón para camiñar: 1.39.08
Voume deixando caer. A cabeza empeza a traballar mal, mais quedan moitos obxectivos por cumprir. Ao igual que o ano pasado, paro a evacuar líquido no 26. A partir de aquí o cansazo, ou o virus da gripe, derrótame. Voume parando cada pouco. Trato de correr polo menos un quilómetro de cada vez (e non sempre o consigo). Non sufro, párome, camiño, troto... No 40, adiántame o grupo das 3 horas. Fago os dous últimos quilómetros en 12 minutos. 3.02.32, entro de 738 (sobre un total de 12526 chegados) e de 101 na categoría. Na primeira media, falláronme as pernas, na segunda, a cabeza. A única mágoa que teño é non poder dedicarlle unha mellor marca a Pili. Síntoo.


5ª Maratón rematada
É o maratón que menos canso remato e case sen sufrir. En ningún vídeo saio camiñando (menos mal). O parte de guerra é ridículo: unha zapatilla foi apretada de máis para que a miña gran ampolla non sufrira; o cuadríceps dereito foise agarrotando desde o 15. O resto sen novidades. En canto pasan uns minutos o corpo recupera. Estou menos perxudicado ca outras veces. Na liña de meta agárdame Isa. Esta vez tampouco puido tirar a foto. Dígolle, ao cabo duns minutos, que a carreira fíxome curta, que non sufrín que só tiven cansazo pero que vou mellor. Tras a ducha, recollemos a Aina (tres fermosos meses) e tomamos unhas cañas, logo o xantar con Iria e Xavi. Chamadas telefónicas e mensaxes de ánimo e parabéns. Grazas a todos e todas.

Un día despois, a cabeza xa está a pensar como debo correr a seguinte maratón…


20/2/11

Dúas semanas para a Marató de BCN: última tirada longa

Como xa vos supoño enterados, Pili non poderá participar na Marató. Fáiseme difícil asumir que non estaremos xuntos na liña de saída: tantos quilómetros compartindo esa ilusión, tantos quilómetros xuntos…

Baixo de moral, adestrei este fin de semana sen moitos folgos: 19 km o venres con 4x3000 (a última serie non saíu tan ben como era desexable), o sábado trotei 15km e hoxe domingo tocou facer a última tirada longa antes da proba de Barcelona. A pesar do cansazo acumulado e das poucas gañas que recibía o corpo desde o cerebro, rematei contento co tempo realizado. Poño , a continuación, os tempos das tiradas longas feitas desde xaneiro (as semanas que faltan foron por precaución por unas dores nun pé)

2-I-11: Ida: 58.47´´ Regreso 54.58´´: 113.45´´
9-I-11: Ida: 56.08´´ Regreso 53.20´´: 109.30´
6-II-11: Ida: 54.40´´ Regreso 52.18´´: 106.58´
13-II-11: Ida: 54.55´´ Regreso 54.05´´: 10
20-II-11: Ida:55.04´´ Regreso 52.04´´: 107.08

11/1/11

Eses tolos que corren

En agosto do 2009 puxéramos un vídeo de Nike. Agora veño de velo no blog dos correlegas dos Afilados Runners. Non ten desperdicio. Escoitádeo ata o seu remate. É fantástico porque estamos, de verdade, tolos e tolas.

8/1/11

Tirada longa: 25 quilómetros

Abandonado por Pili (segundo domingo consecutivo) fixen a tirada máis longa das programadas nos adestramentos para a Maratón de Barcelona: 25 quilómetros. A idea é saír lento e moi cómodo, en descenso, ata a rotonda do dolmen en Santa Cristina, e regresar algo máis alegre (segundo o noso querido Comensal Austero dando as zancadas un pouco máis grandes e con algo máis de velocidade), especialmente nos cinco últimos quilómetros. Teño que recoñecer que no final da tirada non acado os ritmos marcados no plan de adestramento.

O domingo pasado fixen 58,47´´ (ida) e 54,58´´ (regreso) a 4,33/qm.
Hoxe, os tempos foron 56,08´´ (ida) e 53,20´´ (regreso) a 4,21/qm.