7/3/11

Maratón de Barcelona 2011: vai por ti, Pili

Isto de correr non é para persoas solitarias. É para correr con outras persoas, compartir os desexos e as expectativas con compañeiros/as de quilómetros. Correr significa, tamén, comentar con paixón o desenvolvemento das probas nas que participamos… Pois ben esta Marató 2011 foi moi distinta á como a pensamos, en plural, desde hai meses, creo que xa en setembro. Foron moitos quilómetros con Pili, moitas saídas en venres, varias tiradas longas en domingo, moitos luns compartindo abdominais e pesas no ximnasio para, a dúas semanas da proba, saber que a nosa Keniata de Montrove non ía poder participar. Fóisenos o seu desexo de facer 3.20´´ (eu creo que estaba para baixar comodamente das 3.15´´) mais ten que quedarnos a ilusión de poder seguir compartindo as vivencias cos amigos. Sei que ela ía correr comigo e sei que eu corría con ela. VAI POR TI, PILI.

Tras os problemas aparecidos febreiro de 2010, e tras tres meses de parón (abril, maio e xuño) volvín pouco a pouco a facer quilómetros. De xullo 2010 a febreiro 2011 estes foron os quilómetros por mes: 100, 186, 198, 234, 260, 314, 309, 302. En progresión e, sobre todo, nas dez últimas semanas seguindo estrictamente un plan de adestramento: aumentando as distancias e mellorando nos tempos das series. Como non hai maratón na que non me aconteza algo nos días-semanas previas, nesta ocasión apareceu unha gran ampolla no pé dereito e, sobre todo, collín unha gripe a cinco días da proba: martes, mércores, xoves, o venres e ata o sábado continuaron as dores de cabeza así como a sensación permanente de ter unhas décimas de febre...

Este ano sería miña quinta maratón e a primeira con 50 anos. O corpo e a cabeza quedaran cansos dos adestramentos e me pedían que esta sexa a última que preparamos para mellorar marca persoal. O ano pasado fora de 2.57´. Tal e como se comportaron as pernas, cría posible baixar algúns segundos das 2.55´. Co esta idea marchei a Barcelona, acompañado por Isa, sen que nada disto sería posible: o apoio, comprensión e o seu cariño son fundamentais.

En Barcelona, a rutina: chamadas á familia. O sábado, turismo bibliotecario por Sabadell e xantar con Jordi. Café con Angels. Sesta, preparar a equipación do día seguinte (dorsal 1289), teléfono, cea. Durmir.


1ª Media Maratón para correr: 1.23.16
Cheguei con calma á liña de saída con tempo para sacar a foto dedicada a Pili. Fago un pouquiño de quecemento e de estiramentos. Cinco minutos antes da nosa saída saen os das cadeiras de rodas e, tras dous minutos, o grupo elite. Ás 8.30 saímos o resto. Trato de ir amodo pero vexo como os globos de 2.45 e 3.00 van moi rápidos. Tardo quilómetro e medio en coller ao de 3 horas. Fago os dous primeiros quilómetros por baixo de 3.40´. Teño preto o globo de 2.45´, decido non ir por el. Son consciente de que estou facendo un ritmo por baixo de 4.00´´o quilómetro. Fágome ilusións dunha marca magnífica… Saúdo a Montse e ao grupo de animadores do Club de Atletismo Sada. Celia tira esta foto (grazas). Trato de ir máis amodo pero as pernas non queren. Paso a media maratón moi, pero que moi, rápido: 1.23.16.


2ª Media Maratón para camiñar: 1.39.08
Voume deixando caer. A cabeza empeza a traballar mal, mais quedan moitos obxectivos por cumprir. Ao igual que o ano pasado, paro a evacuar líquido no 26. A partir de aquí o cansazo, ou o virus da gripe, derrótame. Voume parando cada pouco. Trato de correr polo menos un quilómetro de cada vez (e non sempre o consigo). Non sufro, párome, camiño, troto... No 40, adiántame o grupo das 3 horas. Fago os dous últimos quilómetros en 12 minutos. 3.02.32, entro de 738 (sobre un total de 12526 chegados) e de 101 na categoría. Na primeira media, falláronme as pernas, na segunda, a cabeza. A única mágoa que teño é non poder dedicarlle unha mellor marca a Pili. Síntoo.


5ª Maratón rematada
É o maratón que menos canso remato e case sen sufrir. En ningún vídeo saio camiñando (menos mal). O parte de guerra é ridículo: unha zapatilla foi apretada de máis para que a miña gran ampolla non sufrira; o cuadríceps dereito foise agarrotando desde o 15. O resto sen novidades. En canto pasan uns minutos o corpo recupera. Estou menos perxudicado ca outras veces. Na liña de meta agárdame Isa. Esta vez tampouco puido tirar a foto. Dígolle, ao cabo duns minutos, que a carreira fíxome curta, que non sufrín que só tiven cansazo pero que vou mellor. Tras a ducha, recollemos a Aina (tres fermosos meses) e tomamos unhas cañas, logo o xantar con Iria e Xavi. Chamadas telefónicas e mensaxes de ánimo e parabéns. Grazas a todos e todas.

Un día despois, a cabeza xa está a pensar como debo correr a seguinte maratón…


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas por deixarme a túa opinión