19/8/12

XXI Carreira das Areas (Carnota, A Coruña)

Non me gustan os cambios. Por que cambiar algo ao que xa estamos afeitos e gozamos del? 

Pois ben, despois de 20 anos, o concello de Carnota decidiu trocar o punto de saída e de chegada da súa Carreira das Areas. O cambio consistiu en poñer a saída e a chegada nas portas do concello, É dicir, a 1.400 metros da area da praia. E para colmo a 41 metros de altitude (os douscentos primeiros/últimos cunha pendente de coidado). Ademais, e sen previo aviso, retrasouse a saída media hora. 

Como cheguei con tempo, e a proba foi retrasada e como non levo nada ben as subidas, decidín tirar para arriba pola pista que hai sobre o concello para volver o petroglifo de Pedra Escrita. Había xa varios anos que estivera alí. Agora está sinalizado e conta cun panel informativo. Mágoa que a información que contén proveña de quen provén (non penso citar o seu nome) 

Iniciei a proba amodo, sen acelerarme na baixada inicial. Ao chegar á area, calculo que vou de sétimo na miña categoría (de 45 a 54 anos). Tamén cambiaron a a dirección do percorrido, indo, inicialmente cara Maceiras. A marea está moi baixa pero hai moita auga na dura area. Ao chegar á primeira baliza, xa estamos os tres primeiros da categoría xuntos. Tras uns minutos de trote conxunto, equivócome e penso que axiña iniciaremos a subida ao concello, polo que cambio o ritmo e acelero para deixar aos meus compañeiros un pouco por detrás. Pouco despois decátome do erro e vexo que temos que ir ata Boca do Rio e trato de manter o ritmo e a distancia. A vista é impresionante, toda a Praia de Carnota, coa súa inmensidade de sete quilómetros de lonxitude e a vista sempre fixa na Moa, o cume do Monte Pindo. A area está agora máis branda e hai moitas pozas e regatos que ás veces podemos saltar e outras non. 
FOTO: Tirando cara a Boca do Río, con Lira ao fondo

Na segunda baliza, Blas e Raquel danme ánimos e inicio o regreso vendo que os da miña categoría vanse quedando. Ao chegar á area seca e coller a pasarela de madeira, sufro un pouco e os que tiña diante vánseme algo. Cando pisamos o asfalto de novo, gaño unha posición e afrontamos a subida final. A humidade é altísima e a temperatura é xa de 25 graos. Menos mal que o día está cuberto. Vexo que ninguén forza e todos mantemos os nosos lugares na costa final. Entro exactamente en 40 minutos, pensando que foron uns sete quilómetros pola area, non está mal. Confeso que voume atopando cada día mellor. 

Ao pouco de rematar, Ángel Carracedo, ordena aos de Louro unha foto conxunta. Entre os que vedes hai catro premios nas distintas categorías. Falo cos atletas coñecidos, especialmente cos que vexo na temporada de verán. 

Parte de guerra: tíñalle medo ao comportamento do nocello esquerdo pola area, especialmente pola branda e irregular da zona de Boca do Río. Durante a proba portouse moi ben pero logo en frío e pola tarde comecei a notar molestias, distintas das habituais desde hai xa catro meses, mais molestias. Tras a proba tratei de estirar os piramidais e o dereito, sempre o dereito, ameazou con contracturarse: estaba moi cargado. 

Finalmente entro na meta de 20 e de 1º na categoría. O premio consiste nunha pequena e fermosa bandexa feita por Nacho Porto

 Semana iniciada con 90 minutos de ximnasio acompañado por Pili e Marta. O martes fixen, por fin, unha tirada de 21 km (lento pero seguro: 1.35.35´´). Mércores: 15 km con 6x1000: 4.08; 4.02; 3.58; 3.50; 3.45; 3.38´´ (xa mellor ca semana pasada). Xoves: tres horas de andaina polas Fragas do Eume e 10 km de trote. Venres: 17 km. Sábado a proba de Carnota e o Domingo rematei a semana trotanto tan só sete quilómetros (chovía, chovía, chovía) e dándome unha boa sesión de alongamentos que dirían os irmáns portugueses. 

Outros 81 quilómetros semanais para o peto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas por deixarme a túa opinión