30/9/12

Que mes tan tremendo: 387 quilómetros

Que mes tan tremendo. Efectivamente, menudo mes. Pero vaiamos por partes, é dicir, contando como foi esta semana. 

O luns tocaba descansar do asfalto e fixen no ximnasio (onde coincidín con Mónica) abdominais e Gap. O martes fixen 17 km e había que traballar con dúas series de 5.000 metros a ritmos previstos de 22.00´´ e 20.40´´. Os resultados foron: 20.47´´ e 19.47´´. Rematei contento e non especialmente canso. O mércores trote de recuperación de 17 km. O xoves descanso revisión muscular na quiropráctica ¡As pernas levaban máis de dous meses sen pasar polas mans de Paloma!. 

A fin de semana merece un punto e aparte. O venres fixen un quecemento de 7 km logo trotei con Pili 12 e outro máis para regresar á casa, en total 20 km. O sábado fixen outros 17 km pero con 10 series de 1.000 que en realidade eran para o venres. Nada máis saír da casa notei que as pernas ían moi lentas, probablemente polos 20 km do día anterior. Como o planificado era facer as series comezando en 4.20 e rematando en 3.40´´, decidín que o mellor sería tratar de facer cinco por riba dos catro minutos e outras cinco por baixo. E así saíron: a primeira a 4.15´´ e a última a 3.44´´. Estas series son as que máis gozo, ou se queredes, onde menos sufro, e é a primeira vez que non melloro o templo planificado. O domingo érgome pensando en Antonio Álvarez e tamén en Pedro Nimo que hoxe “actúan” na maratón de Berlín. Agardo que acaden os seus obxectivos. Os meus era facer unha tirada de 30 km desde a casa e polo río Mero, saíndo moi lento e tratando de rematar forte. Como saín cedo pasei frío (11 graos) e polo paseo fluvial, coma sempre, néboa. Fago a ida en 1.10.30´´, un minuto máis lento ca hai un ano. Principio o regreso a bo ritmo pero con problemas de paso por culpa dos ciclistas que xa andan nun número considerable, mesmo cheguei cruzar insultos cun deles!. Tras deixar A Barcala, sae o sol e creo que empezo a ir máis lento. Nos quilómetros 25 e 26 controlo o tempo (remato o paseo do Burgo) e sorpresa é estupenda, fágoos a ritmo de 4,04´´, cando as sensacións eran outras moi distintas. Incluso no último quilómetro, subindo, trato de darlle caña. Remato en 1.02.10´´. Oito minutos máis rápido que a ida. 
O total semanal foron 101 quilómetros e unha hora de ximnasio Pero o sorprendente é o total de quilómetros do mes. Se en agosto batira a miña marca con 376, este mes de setembro fixen 387. Creo que nunca máis farei tantos.

26/9/12

23/9/12

Adestramentos pensando na Behobia?, Non, home, non.


Outra semana sen competición: ía sendo tempo. O luns descansei de todo tras o susto do piramidal esquerdo do domingo anterior. O martes fixen a trote 17 km: empecei notar molestias no piramidal á media hora pero foron pasando pouco a pouco. Ao chegar á casa fixen unha boa sesión de alongamentos dos piramidais e fascia lata. O mércores tocaban 14 series de 500 metros entre 2.05´´ e 1.47´´ con recuperación dun minuto. A primeira serie saíume en 2.09´´, as seguintes xa por baixo dos dous minutos e as sete últimas por baixo do1.50´´. A última foi a 1.42´´. As recuperación foron de 50´´. Fiquei contento co resultado mais o regreso foi a un trote moi lento.

O xoves tocaba descanso… pero achegueime ata Sada para compartir un adestramento cos compañeiros/as do CAS: quecemento, estiramentos, técnica de carreira, cambios de ritmo e estiramentos… Un día perfecto.

O venres tras un quecemento de 25 minutos, trotei con Pili unha hora: menuda malleira me deu: costas, costas, costas.

O sábado tocaban 25 minutos de quecemento e tres series de 4.000 a 17.20´´, 17.00 e 16.30´´ con 90´´ de recuperación. Como me parecía moito despois de catro días continuados de adestramentos, fixen só 13 minutos de quecemento tomando a primeira serie como parte do mesmo. Os tempos das series foron: 17.15´´; 16.50´´; 15.59´´, sempre por baixo do programado, especialmente a última xa que nos dous últimos quilómetros dinlle un pouco máis de caña. Mentres a miña Rabudiña pillando trofeo en Corcubión.

O domingo tocou unha tirada longa en progresión de 25 km. O resultado non foi malo pero as sensacións non foron boas pois noteime canso e sen forza.

Total de quilómetros semanal 104… por iso ando canso.

Ademais chegou un correo da organización da Behobia-San Sebastian comunicando a súa presenza nas redes sociais. Estou inscrito pero moi probablemente non vaia e se vou non a dispute.

16/9/12

I Carreira Nocturna Concello de Ferrol



Tras a malleira do domingo pasado, o luns descansei mais ao final da tarde achegueime ao ximnasio con Juan para facer unha hora de GAP e abdominais. O martes, aínda canso, só 15 km ao trote. O mércores un dos adestramentos que peor levo: 13 km con 15 series de 300 metros entre 1.07´´ e 1.01´´ con 45´´ de recuperación. Xoves fun á miña quiro-práctica por unha contractura no pescozo e costas. Venres 17 con 5x2.000 e cometín un tremendo erro ao trabucarme de ritmo na primeira serie pois tiña que ser en 8.45´´ e fíxena en 8.08´´, entón a manter o tipo e baixar tempos: 7.57; 7.47; 7,45 e 7.40´´ Rematei realmente canso. 

O previsto para o domingo era participar no dez mil de Riveira mais como non puido ser, fixen, o sábado, a I Carreira Nocturna Concello de Ferrol a onde cheguei con tempo pero sen o meu chip amarelo. Non fago moito quecemento e aproveito para saudar aos atletas do CAS presentes: Alberto, Raúl e Mónica.

Cunha alta temperatura, ás 21.30 deuse a saída desde a Praza de España polo barrio da Magdalena e ata o porto regresando ata completar as dúas voltas de catro quilómetros. Nos primeiros metros adiántame moita xente e sobre todo na costa da rúa san Francisco ao pasar por onde casa, en lamentable estado de abandono, de don Francisco Carvalho Calero. E é que as costas abaixo non se me dan nada ben. No porto damos volta e permíteme comprobar que vou en torno á posición 35. Vou cómodo e rápido. 

No primeiro paso pola meta hai moitísima xente. Da gusto correr así.

Na segunda volta empezo adiantar a corredores chegando ao punto máis lonxano na posición 30 aproximadamente.  Continuo pasando xente e mesmo á primeira muller. Non forzo no último quilómetro posto que vai picando para arriba. Tras cruzar a meta, saudar aos amigos, agardar pola entrega de trofeos e polas cañas e pinchos.

Resultados: posición 26 (sobre 542 chegados á meta), 3º na categoría de máis de 45 e cun tempo neto de 29.49´´ a 3.44´´ quilómetro.

O domingo estaba prevista a tirada longa da semana. Aos catro quilómetros comecei notar molestias no piramidal esquerdo (a primeira vez que protesta ese lado) e como non ían a menos decido ser prudente (alucinante, eu prudente) e facer só 15 quilómetros. Mais teño que estar contento polos resultados da semana a pesar de que non foron moitos quilómetros (70) pero houbo dous días con series e unha competición curta. O luns descanso e a facer estiramentos dos piramidais sen falta.

9/9/12

Vaia semana!!!: De Dexo a Louro pola costa

Unha semana ben rara. Hai uns días pensei que esta semana sería medio perdida, que podería saír trotar pouco e que algunhas probas médicas deixaríanme tirado… E ao final foron uns cantos quilómetros: exactamente 103. Probablemente a semana na que máis teño rodado. Un bo feixe de quilómetros para a mochila aínda que poucos de calidade. 
O luns foron tan só 16; o martes 13 con 6x1000 (4.07; 3.52; 3.58; 3.50: 3.45; 3.39´´). O mércores fixen unha tiradiña especial, desde hotel Porto Cobo de Santa Cruz ata Dexo pasando por Seixo Branco, o portiño de Dexo e subindo a Rúa da Costa (dura, non si, Juan e Pili?): 19 km. Gocei un montón dese percorrido e das súas fermosas vistas. A ida foi en 46 minutos e o regreso en catro menos. Rematei o día facendo unha hora de pesas (Body Pump).  Mirade o percorrido e o seu perfil:

O venres, imos retomando vellos costumes, 14 km con Pili (“Todo un pracer”). O sábado 15km. Rematei a semana trotando por Louro. Primeira tirada longa a ritmo tranquilo: 26 quilómetros en 123 minutos. Estou cómodo facendo moitos quilómetros mais, pola contra, cústame un mundo facer series. Mirade tamén o percorrido e o seu perfil (non é exactamente o que fixen pois o ampliei un pouquiño):

2/9/12

Cross de Broña: 8ª edición


Dúas semanas sen poñer nada. Isto no pode ser e a continuación darémoslle remedio.

Na semana do 20 ao 26 de agosto fixen 72 quilómetros e unha hora e media de ximnasio(GAP e abdominais) Houbo un intento de series de mil metros pero as pernas non responderon. O venres e o sábado non fixen deporte mais si actividade social posto que os amigos de Montrove viñeron pasar o fin de semana a Louro. Deste xeito, os que aínda están en condicións de trotar andivemos por Monte Louro e comprobaron porque me gusta tanto ese percorrido. Ademais foi toda unha honra trotar con esas mulleres de tanta forza e con Raúl e Álvaro (por suposto)
 Fixádevos nas camisetas: Maratón de Madrid; Behobia-San Sebastian; Marató de Barcelona... E na praia de Area Maior.

Na semana seguinte comeceina con 17 km e unha hora con Pili no ximnasio (GAP e abdominais) onde coñecín esta fermosísima versión:


(Dádelle ao play para escoitala mentres ledes a crónica) 

O martes xa tocou 15 km con 10x500 entre 2.00 e 1.41´´, mais case todas por baixo de 1.50´´ (o que tocaba era entre 2.07´´ e 1.5.0´´). O mércores 17 km e 30´de abdominais.O xoves, cambio de plans e tirada longa: de Santa Cruz –Mera-Seixo Branco- Castro de Subiña  e regreso. En total uns 20 km1.28´. Levaba case 30 anos sen estar nese castro e o pasado domingo non me saía o seu nome polo que tocou subir ata el. Fermoso percorrido cheo de costas. 

Rematei o día con 30 minutos de GAP. O venres 15 km a trote. Así rematei agosto cun total de 376 quilómetros (nunca tantos fixen nun mes). Son moitos quilómetros pero noto que me falta forza e velocidade. A vindeira semana xa será outra cousa...Tamén xubilei o cuarto modelo de Asics Cumulus con 1.140 quilómetros. Agradecido lles quedo.
 
SETEMBRO: sábado de repouso e facendo unha sardiñada. Domingo volvín participar no Crosde Broña, na súa oitava edición (fixérao tamén na terceira). A sorpresa foi a aparición, case máxica, da miña Rabudiña, sempren ben acompañada, que anda iniciando a temporada, con permiso dos seus médicos. 

A proba é dura, dura, dura. Tras os primeiros metros só me adianta unha persoa. Trato de ir adiantando xente a medida que a carreira vai subindo, subindo, subindo. É máis dun quilómetro onde a pendente vai progresivamente en aumento ata acabar sendo unha tortura. A xente que teño por diante non parecen da miña categoría (1966 e anteriores) polo que non forzo a marcha. Os últimos metros son fermosísimo pois van ao carón do mar con Ría de Muros de fondo. Entro a uns 4 minutos por quilómetro nos case sete mil de que consta o cross. Entro contento pois souben sufrir na subida e non forzar nas baixadas para protexer os nocellos.

Tras cruzar a meta vou pola miña Rabudiña. Ven coma unha campiona e entra na meta marcándose un fenomenal sprint.

Rematamos os dous no podio ao acadar senllos terceiros postos. Parabéns, Sandra. A organización: de luxo.

Que se era dura a proba? Mira o perfil: