28/10/12

9ª Maratona de Porto 2012: Non puido ser

Tras ir amañando os problemas xurdidos no nocello esquerdo uns días antes da Maratón da Coruña de abril de 2012, inicieime no “trote borriquero” desde xullo. En agosto xa tiña claro que desexaba facer outra maratón e a escollida volvía ser a de Porto a finais de outubro. 

En xullo fixen 311 km, en agosto 376, en setembro 387 e en outubro (ata o 22) outros 242, cunha media de 85 km semanais. Nas dúas últimas semanas as sensacións non foron boas: molestias case permanentes nos piramidais e tamén apareceu algo semellante a un inicio de pubalxia. 

De sempre existía a posibilidade de non poder ir. Cada semana que se achegaba a data da proba, 28 de outurbo, as posibilidades de non poder asistir ían en aumento. Uns días antes da proba anulamos o hotel. Finalmente o que non pode ser e, ademais, non pode ser. Hai moitas cousas máis importantes que unha maratón.

Nestes meses adestrei moi cómodo, sen presión, gozando dos quilómetros no asfalto. Con bo tempo que facilitou o traballo. Nunca tantos quilómetros fixen en tres meses… 

Agora toca descansar e recuperar o corpo e a cabeciña.

Déixovos o vídeo promocional:

E o vídeo da presentación da proba:

Apresentação Maratona do Porto from Digital Frame pt on Vimeo
.

21/10/12

Sen ir á Media de Pontevedra



No meu plan de adestramento esta é unha semana moi tranquila, de asimilación do traballo realizado e de ir acumulando forzas. Tras o luns de repouso, o martes só trotei 20 km posto que non tiven máis tempo e foi imposible facer a tirada longa prevista. Mércores novo descanso e xoves… a test de 2x6000 ao que lle teño pánico.

Nunca acadei os tempos deseñados. Teoricamente teño que facer a primeira serie en 25.00´´, algo nada complicado posto que é o ritmo desexado para unha maratón, pero a segunda serie habería que facela en 22.20´´, é dicir, a 3.43´´ o que supón para min correr a un ritmo magnífico dun dez mil en competición e só competindo podo acadar eses tempos. Nunca conseguín facer ben esta segunda serie. Historicamente os meus tempos foron 23.31´´ (II-10); 22.31´´ (II-11); 23.50´´ (X-11), 23.17´´ (IV-12) e esta semana foi tamén de 23.17´´. Tras rematar ese test pasei pola quiropráctica. Non había ningún problema físico pero… recibín tal malleira que o venres foime imposible moverme. O sábado trote lento, lento, lento para facer 18 km. Pulsacións altas e as pernas non podían subir o ritmo.           
 
O domingo fixen un quecemento de 7 km para logo trotar con Pili outros 18. Primeiro fomos bastante alegres pero como aos dous foinos chegando o cansazo (ela ten falta de quilómetros e eu tiña molestias no piramidal esquerdo) rematamos baixando o ritmo. Outro quilómetro máis ata casa.

Total semanal: 81 km

mentres o Clube de Atletismo Sada enviou esta magnífica representación  á  Media Maratón de Pontevedra:

14/10/12

II Carreira da Auga en Sada

Luns descanso. Martes fixen a tirada longa que tocaba o domingo pasado. Fiquei sorprendido de como podo chegar a calcular unha ruta para facer entre 1.08 e 1.10: foron 1.08.30´´ na ida e 1.06 no regreso. Mais non me atopei moi ben no regreso posto que picaba para arriba e non fun demasiado cómodo. A cabeza emitiu os primeiros sinais negativos pensando na maratón que teño pensado facer en vinte días. O mércores as pernas non querían/podían trotar no quecemento pero como tocaba facer 15x400 entre 1.36 e 1.24 con 50´rec., non había máis remedio que sufrir. Finalmente portáronse moi ben pois fixeron unhas cinco series entre o máximo tempo previsto e 1.30´´; outras cinco entre 1.30´´ e o mínimo previsto e outras cinco a 1.23´´-1.24´´. Xoves descanso. Venres fixen 19 km con 4x3000 e rec.de 90´´. Os tempos planificados eran entre 13.00´´ e 11.50´´. Os tempos realizado foron 12.50´´ (ben); 12.25´´ (ben, boa progresión); 12.20 (regular, case sen progresión) e 11.24´´ (ben, mellor do previsto). O sábado “nin chica nin limoná” é dicir, nin fixen o que tocaría nin fixen o que tocaría o domingo. Fixen 18 km alegres. Deixo a tirada longa prevista para o domingo para o vindeiro martes. 

O domingo a estrearme en Sada formando parte do equipo Alfa na II Carreira da Auga, a favor de UNICEF (recadáronse case 4000 euros, parabéns). É impresionante o ben organziaron todo, o nivel de traballo e esforzo tivo que ser descomunal. Hai tempo para saúdar a case todos os do club e coñecer persoalmente a Beningo de Dieta y Deporte, un pracer.

Iniciei a carreira detrás de Jesús polo Paseo Marítimo. Uns dous quilómetros lisos. Antes de coller a estrada cara a Meirás collemos a Bernardo (“tranquilos, de menos a máis”). Iniciamos as subidas (durarían case ata o quilómetro sete) Imos detrás de Bernando un pelotón grande. Nas subidas váisenos quedando xente. Jesús tira do grupo. Pasamos o quilóemtro 5 en 19.03´´. Tras o avituallamento e logo doutra costa, iniciamos a baixada. Jesús está desbocado. Tira, tira e tira. Colle a Bernardo que se nos separara uns metros e segue baixando (menos mal que se lle dan mal as baixadas…)A pesar da velocidade saúda ao seu fillo e muller (perdón...!) Trato de que non se me escapen. Ao chegar de novo a Sada téñoos preto. No Paseo Marítimo animo a Bernardo…. Dime que ten flato. Vai sufrindo. Pásoo. Nos últimos vinte metros aparece de novo e entramos collidos da man. Fermoso. 
Despois da nosa proba… Andrés Díaz e Pedro Nimo están cos máis pequenos e pequenas. Fan o quecemento con eles. Sofía Toro (medalla de ouro en Londres) tamén nos acompaña. Lembramos cousas do noso instituto. Que actitude. Grazas polo exemplo. Cantidade inmensa de rapaces. 

Posteiormente foi a entrega de trofeos nuhna magnífica sala onde o CAS arrasa. Fixen 37.47´´. Contento posto que o percorrido ten varios quilómetros en subida. Entro despois de Jesús que fai 2º na categoría de máis de 45 anos e un fago… 3º? Non 4º. Já, já. Cousas de champion chip. Equipo Cas-Alfa: segundos. Total semanal 91 km. 

7/10/12

A Coruña-10, 2012



Nesta semana o meu plan de adestramento marcaba poucos quilómetros posto que ten deseñado correr unha media maratón por baixo de 1.23´o domingo. O luns tocou descanso, o martes fixen carreira continua con 17 km onde puiden saudar a Óscar e trotar un pouco con Mariquiña. A verdade é que é unha delicia non trotar sempre só. O mércores foron os mesmos quilómetros incluíndo 6x1000 onde saíron os seguintes tempos: 4.14; 4.11; 4.02; 3.59; 3.38; 3.33. Foron bos tempos máis poucas series… O xoves decidín descansar e non facer ná de ná. Para compensar fixen o venres outros 17 km, media hora de GAP, outra media de abdominais e o que cría ían ser tinta minutos de estiramentos convertéronse nunha hora de Bodyflex. Menos mal que na sala do ximnasio estaban Juan, Teresa e Álvaro para facernos compañía. O sábado trotei uns minutos comodamente (6 km) e o domingo… A Coruña-10.
Tras recoller a Raúl, dirixímonos ao Obelisco para saudar e fotografarnos cos amigos. Toda unha ledicia ver tanta xente con gañas de participar nunha proba de atletismo popular. Incluso estaba Roberto e… con dorsal!!! Tamén andaba por alí Blas...
O Clube de Atletismo Sada

Situeime no meu caixón de saída sen gañas de estar diante. De feito, nada mais darse a saída vou adiantando xente, sen forzar, o que me permite comprobar que estaba moi comodamente situado. No quilómetro dous vexo que vou a ritmo de 3.45´´. Continuo pasando atletas, incluso na subida a Adormideiras. Non paro de mellorar o meu posto na proba ata practicamente o final. Na baixada a Riazor nótome moi tranquilo e poucas pulsacións. Continuo mellorando, mesmo pasando a atletas da miña categoría mellores ca min. Mar tírame unha foto (iso é unha filla; ás miñas? supoño que na cama). Fago varios intentos de facer algún grupo cos corredores que vou adiantando. Non o consigo. Paso o quilómetro cinco en 18.50´´, cinco segundos máis lento ca o ano pasado, mais sigo tranquilo na confianza de ir gardando forzas para o final. Chegando á Casa da Auga entro nunha pequena crise con amago de flato. Baixo un pouco o ritmo uns cincocentos metros nos que ninguén me pasa.

Desde a Praza de Pontevedra vou animando a unha rapaza para que non se me quede. Ao chegar aos Cantóns convénzome de que teño que forzar a tope, mais na rotonda de Porta Real noto que ven xente por detrás con máis ritmo. Trato de defender a posición pero nos últimos douscentos metros adiántanme tres corredores (un tamén o fixera na pasada Vig-Bay) e eu paso a outro. 
Entro a meta ao límite. Teño que achegarme a unha valla para que se me pase o amago de mareo. Despois dun minuto e de recoller a bolsa con bebida e comida, fago o percorrido á inversa. Vou na busca de Mónica.

Animo a todos os atletas, especialmente aos coñecidos. Fago, por Rubine, uns metros coa miña Rabudiña. Téñolle visto mellores caras pero xa pasou a crise e a meta agrada por ela. Á altura da praza de Portugal vexo a Mónica. Tampouco trae o seu mellor rostro. Ofrézolle bebida e trato de animala para que ela non pense nin no cansanzo nin nos seus isquios. Non lle paro de falar. Fai un esprit impresionante na meta. Parabéns.

Ao longo do percorrido, o apio que se recibe do público é fantástico e de sobresaliente o comportamento do club de fans do Clube de Atletismo Sada.

Finalmente entrei na meta en 37.43´´ (a ritmo de 3.46´´ o quilómetro cando agardaba facelo a 3.45´´ ou 3.44´´) uns 20 segundos máis lento ca o ano pasado pero (oh, sorpresa) de 4º na categoría (fronte ao 9º de 2011)Remato contento porque non hai molestias e tras esta semana de descanso (só 67 quilómetros) tocará currar na vindeira.

Velaquí as fotos (irei subindo máis aos poucos)

5/10/12

Pedro Nimo falando da maratón

Tras as duras e marabillosas experiencias vivas polo santiagués en Berlín, Pedro Nimo reflexiona sobre a súa experiencia como atleta "popular". Non deixedes de visitar a páxina web onde relata o seu abandono deste ano 2012.

3/10/12

O maratón de Chicago

O Bank of America Chicago Marathon é un dos 42 quilómetros e 195 metros que forman o coñecido concepto do “World Marathon Majors” (Mellores maratóns do Mundo) xunto cos maratóns de Nova York, Boston, Berlín e Londres. 

A súa primeira edición levouse a cabo no ano 1905. Tan só quince corredores apostáronse na saída, dos cales terminaron só sete. Nas últimas edicións rexistrouse a participación de máis de 45.000 corredores de todo o mundo. 

O Maratón de Chicago é coñecido como un dos máis veloces do mundo xunto co de Berlín; o que o levou a ser o lugar de distintas marcas nacionais e mundiais prometendo ser ano tras ano, sen ningunha dúbida, un maratón onde a ruta ofrecerá un magnífico tour pola cidade atravesando 29 das súas máis famosas localidades, así como unha carreira na que máis dun millón de espectadores vindos de toda o mundo farán vibrar de emoción a cada participante. Cando estiven uns días na “cidade do vento” ía imaxinando como sería participar nesta proba que se desenovlerá neste mes de outubro.