31/12/12

III San Silvestre da Coruña



Como os dous anos anteriores rematei o 2012 participando na san Silvestre da Coruña. Mais fronte ás carreiras de novembro e decembro o ánimo foi moi distinto posto que a miña quiropráctica de cabeceira amañárame os problemas coa miña pubalxia e dérame permiso para reiniciarme na actividade atlética. Fun a esta san Silvestre pensando que era a última proba sen adestrar e que o ano 2014 iniciaríao trotando pola mañá.

Tras saudar aos amigos e tirando as fotos pertinentes busquei na liña de saída ao meu compañeiro de carreira, Alberto Morlán. Tiña a intención de tentar facela con el mais a sorpresa foi que sentíase moi machacado pola súa avultada actividade física dos días anteriores.

Saímos moi adiante e xa desde os primeiros cincocentos metros moitos atletas fóronnos adiantando. Nolos dous, tranquiliños, dándonos ánimos mutuamente. Cando baixamos por Adormideiras vexo que o Alberto faino moi ben pero na seguinte subida dime que me vaia... decido ir con el e tratando de animalo vendo a longa baixada que tiñamos por diante.


Á altura da Hípica, cando debían faltar uns dous quilómetros e medio, pásannos tres atletas que semellaban ser da miña categoría polo que digo a Allberto que vaiamos con eles. Dime que non pode e que me marche. Así o fago.

Inicio unha nova carreira en solitario. Sen dificultades adianto a ese grupo de Veteráns-C. Vou cómodo, como toda a proba. Pásame Alberto Antelo, quen fixo unha magnífica proba indo de menos a máis. Teño forzas no último quilómetro… debeu ser o máis rápido da proba. Na meta facemos unha foto coa xente do Cas: Alberto, Juan, Raúl, Roberto…


O fornecemento de bebidas e sólidos foi estupendo e axiña trato de buscar a Raúl para cambiarnos, posto que tiñamos moita auga enriba.

Foi unha proba distinta ás anteriores (2010: 28.14´´; 2011: 27.29´´) posto que non sufrín nada. O resultado foi fantástico para levar dous meses sen adestrar, 30.03´´: 75 na xeral e 4º na categoría (outra vez 4º, a dez segundos do 3º, como na Coruña-10 e no Cross dos Menhires) a unha media de 3.55´´ o quilómetro.


Tamén foi distinta porque faltábame a miña Rabudiña, a miña gabachiña. Ánimo campiona.

28/12/12

2012: déixao ir

Creo que o 2012 non foi un bo ano. Participei en 19 probas e corrín máis quilómetros ca nunca: 2.912 pero non acadei as metas desexadas: na semana anterior aos grandes obxectivos do ano, en abril (maratón da Coruña) e en outubro (maratona de Porto) o corpo non aguantou, primeiro cunha inflación dos ligamentos do nocello esquerdo e, logo, cunha pubalxia de cabalo.

A lección creo, estache ben aprendida, facer menos quilómetros e marcarse uns obxectivos menores.

En xaneiro (253 km) participei por vez primeira na fermosa media maratón Manuela Machado en Viana do Castelo.

En febreiro (325 km) estrei, en pleno Entroido, a I media maratón do Ribeiro e federeime co Club de Atletismo Sada (o CAS).

En marzo (335 km) no pico de forma fixen a Vig-Bay.
En abril (154 km) abandonei na Maratón da Coruña no km 28.

En maio (230 km) colaborei con Julio ao regreso de Pili á competición na media maratón da Coruña.

En xuño (144 km) coa forma perdida, fun á XVII de Ordes, ao campionato galego de veteráns en pista e ao dez mil de Carballo.

En xullo (311 km) só trotei para iniciar a recuperación.

En agosto (376 km), xa collendo de novo a forma, participei na I Pedestre de Vimianzo, na XIX Carreira a Pé de Lira e na XXI das Areas de Carnota.

En setembro (387 km) participei no VIII Cross de Broña e na II nocturna de Ferrol.

En outubro (266 km), en boa forma fixen os dez miles da Coruña e de Sada, Carreira da Auga.

En novembro (114 km) fixen a II C.P. de Novo Mesoiro e logo gocei da Behobia-San Sebastián.

En decembro (26 Km) inicieino coas 3 Millas solidarias Inditex-Arteixo, continuei co II Cross dos Menhires e rematarei o ano coa san Silvestre da Coruña.

23/12/12

II Cross dos Menhires na Torre de Hércules


NOTA PREVIA: Que a galego fobia do concello da Coruña pasara tamén á federación… isto ben a conto polo nome da proba: Cross do Menhires cando en galego temos unha verba tan fermosa como é pedra-fita… Que lle imos facer.

Continúo lesionado. A pubalxia está diagnosticada por un traumatólogo e, ademais, unha  ciruxá confirmou que non hai nada máis afectado. Repouso absoluto… ou case. O pasado xoves, farto de non facer nada trotei cinco quilómetros. Ao día seguinte os abdominais non soportaban o esforzo de levantarme da cama.

Farto de estar farto, o pasado sábado 22 participei (que non competín) no II Cross dos Menhires da Coruña, aproveitando que se retarsara a proba por mor da treboada do 15 de decembro. O ambiente foi estupendo e ao ter que dar varias volta a un circuíto podíase animar repetidamente a todos os e as participantes. Previa á proba absoluta masculina foi a feminina onde o Clube de Atletismo Sada contou cunha exitosa participación. O circuito pareceume ben fermoso e non moi duro.

Tras facer un pouco de quecemento, decidín saír case de último. O primeiros centenares de metros mantiven a posición e no primeiro descenso comecei a pasar xente. Aumentei prudentemente o ritmo e ao remate da primeira das catro voltas das que constaba a proba, xa estaba ao par de xente do CAS (de Juan, en concreto). Cando se estaba na zona máis lonxe da Torre, é dicir, na zona das pedras-fitas, tiña a Alberto a uns 12 segundos. O obxectivo era chegar onda el e tratarlle de aguantar o ritmo. Ao rematar a segunda volta vexo que mantemos as distancias. Cando iniciamos a última volta Alberto váiseme distanciando (na meta sacoume todo un minuto, parabéns, campión) e trato de manter a posición, cousa que non consigo con dous atletas que me adiantan nos derradeiros douscentos metros. Iso si, foron os únicos que me pasaron en todo o cross.

Con pouco tempo de saudar os amigos, tras cruzar a meta tiven que marchar rápido para o xantar familiar.

A pubalxia…? Pois peor. Era sabido. Sen non podo adestrar polas molestias constantes… despois dun esfrozo de oito quilómetros, teño máis molestias e mesmo dificultades para camiñar. Día a día vai a menos pero sen chegar a desaparecen as molestias. Continuo agardando polo fisio.

Resultados: a distancia era de 7.973 e a fixen un tempo de 34.12´´ a un ritmo de 4.17´´. Entrei na meta na posición 42 e de 4º na categoría de veteráns B.

Fotos son de Lihto e miñas.

2/12/12

3 Millas Solidarias Arteixo-Inditex

Rematei novembro con114 quilómetros feitos. O peor rexistro deste 2012.



Sen adestrar non se pode correr. Estando con varias molestias (isquio dereito e pubalxia) non se pode competir. Pero éche o que hai. Se Raúl invita a participar nas 3 Millas Solidarias organizadas polo “grupo” (léase Inditex) había que ir. O Mariscal fixo unha doazón económica en nome do todo Montrove con destino á Cruz Vermella.

E foi una mañá do máis agradable. Na liña de meta compartindo minutos e saúdos cos amigos e amigas e na carreira aprendendo do mestre Bernardo.

Saímos xuntos e moi diante. Nos primeiros cincocentos metros xa estábamos posicionados de 10-11. Tras a primeira baixada e zona plana chegou a primeira e curta subida onde agardei polo mestre. Despois de chegar ao mar e mirar por vez primeira o crono, Bernardo tivo a ben tirar de min e irme agardando especialmente na última e longa subida. Só no sprint permítese o gozo de separase e cruzar a liña de meta uns metros por diante. Nos cinco mil metros da proba debín facer un crono de 18.30´´ a unha media de 3.42´´ o quilómetro.

Mentres agardábamos polas nosas damas, que fixeron o percorrido camiñando, estivemos no comedor do “grupo”. Nas horas posteriores as doenzas foron a peor a as molestias son continuas mesmo para moitas actividades cotiás.

Agora si que vai en serio o do descanso e a recuperación, agardando poder chegar á San Silvestre da Coruña.