25/8/13

XXII Carreira das Areas de Carnota

Inicio a semana descansando do asfalto pero facendo unha sesión de sesenta minutos de pesas (fitpower). O martes volvín facer series de 500 metros, nesta ocasión foron 10, sendo a primeira en 2.07´´ e a última 1.45´´. Coma na semana anterior só a primeira foi por riba dos dous minutos. A medida que ía regresando funme atopando sen forzas. Pasei todo o día con problemas estomacais e sen xantar nada. O mércores foi día de repouso obrigado. Xoves, venres, sábado é domingo xa foron outra cousa. A destacar a tirada longa do domingo (21 km) e a participación, o sábado, na Carreira das Areas de Carnota. Proba na que procuro participar desde hai moitos anos e na que este ano o concello trabucouse no cartel: é a edición XXII e non a XXI.


Chego a Carnota coa ilusión de atopar a Inés, unha das estrelas femininas do CAS. Fixen o quecemento, en ausencia de Angel Carrecedo (a quen a spiker adicaríalle unas sentidas verbas), con Dani, o fenómeno de Madrid-Louro, quen remataría en segunda posición na clasificación absoluta. Logo continueino con Inés, a quen había máis dun mes que non vía. Contoume os seus problemas e as súas expectativas nesta proba.

Pensando que na hora de inicio da proba á marea aínda lle faltaba unha por baixar e que á area está máis dura cando a empeza subir, fixen unha boa saída, xa que fun pouco a pouco pasando xente. Tras rematar o primeiro quilómetro no asfalto e xa na pasarela de madeira que nos levaba ata a area, adianto a tres colegas e un deles pónseme ao meu carón. Como parece que podemos levar o mes ritmo, fálolle para tratar de animalo a facer xuntos a maior distancia posible. Nalgún momento, cando parece vai descender o seu ritmo, anímoo e agardo un chisco. Deste xeito chegamos ata Maceiras (km 3 apro.) e ao dar a volva atopámonos unha desagradabilísima sorpresa, o forte vento do norte. Cando íamos en dirección sur non eramos conscientes de levalo ao noso favor. O vento era realmente forte e o meu compañeiro non é quen de seguirme. Tiro só. A nova positiva é que a area está realmente dura e so hai que pasar algún regato.

 Despois doutro quilómetro adianto a outro atleta que, logo, pegóuseme ás costas para protexerse do vento. Despois de telo un rato ben protexido, míroo e incítoo a que se poña diante. Faino só uns metros porque o seu ritmo ía a menos. Tiro, de novo, en solitario.

 Chegando a Boca do Río (última baliza) no km 7 aprox. Son adiantado por dous compañeiros Un deles Baltasar Figueiras, a quen adiantara no mesmo lugar o ano pasado e con quen fixen os últimos quilómetros na Carreira Solidaria de Muros, e cando estamos a piques de deixar a area pola primeira muller (Barca Toba) e o seu acompañante. Unha vez no derradeiro quilómetro e xa de volta no asfalto volvo collela e decido non esprintarlle.


O tempo final foi peor que outros anos (41.14´´ a 4.07´´) pero con forte vento e os oito quilómetros pola area, creo que non está mal. Remato contento porque volvín sentirme ben. E ademais 2º na categoría: agasallo dunha fermosa medalla do ceramista Nacho Porto.


Na meta falo cos amigos e mesmo cos compañeiros do podium especialmente con José Suárez quen xa me gañara a semana pasada en Muros e con quen xa teño compartido o caixón noutras oportunidades.


Inés díxome que tamén rematou contenta (2ª na categoría) a pesares do medo sobre unha perna.

18/8/13

II Carreira Solidaria de Muros

Semana con novidade. Xa non foi só trotar senón que fixen un día oito series de 500 metros, a primeira en 2.04´´ e as restantes por baixo dos dous minutos, estando a última a 1.44´´. Falta me facía ter un día de velocidade porque de trotar só non se pode vivir. Os quilómetros semanais foron  81.

Ademais o sábado participei por vez primeira nunha proba no concello de Muros, na II edición da Carreira Solidaria. A semana anterior fixera os seu percorrido en dúas ocasións porque coñecéndome coma me coñezo e sabendo as subidas que había…


Co club de fans ao completo, fixen unha saída cómoda pero non lenta. A medida que pasaban os metros funme notándome moi a gusto e tras facer o primeiro quilómetro en 3.35´´ prepareime para iniciar os quilómetros de subida na posición vinte. Pouco a pouco vou pasando a xente máis nova e nos tramos máis duros, porque habíaos, gaño algunha posición máis. Ao chegar á parte máis alta do percorrido (Miraflores) collo a un rapaz e anímoo. Imos xuntos un quilómetro e medio ao tempo que lle vou indicando o perfil do percorrido que falta. Nos últimos douscentos metros, nunha durísima baixada, anímoo a que suba o ritmo e váiseme dous metros.

Fago meta na posición 14 e de 2º na categoría (de onde saíu ese rapaz da Baña?) cun tempo de 20.02´´ a 3.42´´ o quilómetro. Estou contento polo ritmo e polas forzas. Agardo que, por fin, as pernas comecen a responder. Teño a sorte de recibir a medalla do segundo posto de Veteráns B das mans de Ezequiel Mosquera.

O ambiente foi magnífico posto que houbo máis de seiscentos inscritos en todas as categorías, sendo unha auténtica festa para os máis cativos. E para que non se diga que en Muros non saben facer ben as cousas, tamén houbo fisios:

As fotos son de Marisita á quen vou designar presidenta do meu, escaso, club de fans.

11/8/13

XX Carreira a Pé de Lira


Nos primeiros once días deste mes de agosto levo feitos  máis de cen quilómetros, exactamente: 116. Ademais diso, como se notan as vacacións…, dúas saídas en BTT, natación en piscina e no mar e varias millas en Kayak pola ría de Muros. Case todos os adestramentos foron entre 12 e 14 km e tan só os dous domingos fixen dúas tiradas longas de + - 90  minutos e de 21-20 km cada unha.

Ademais, participei, coma sempre que podo (xa van cinco ocasións), na tradicional Carreira a Pé de Lira e organizada a AsociaciónCultural Canle. É todo un pracer ver como a proba a asociación cultural van medrado co paso do tempo.

Cheguei co tempo xusto a Lira, despois de ter pasado o xantar na festa da navalla de Muros e dúas horiñas nunha das mellores praias que coñezo, a de Area Maior na parroquia de Louro. Neste intre ían trinta graos á sombra. Nun participara nunha proba tan quente...

Tras recoller o dorsal, fixen os rituais desta proba, os confesables son ir ata a subida que hai na parte final da proba e iniciar alí o quecemento para tratar de ter controlados eses centos de metros. Igualmente, aproveito para trotar e saudar aos amigos das probas do verán, especialmente ao club do Praia de Carnota Runners.

Cos ánimos na liña de saída de Marisita e de Juan, inicio a proba polo piñeiral ata baixar a Portocubelo, de alí pola costa por Ximprón e Susiños e logo regreso (vexo que a miña posición é a 19 e xa non a modificaría ata o remate) ao asfalto ata subir a Lira onde, despois dun bo e duro paseo polas súas rúas, inicio un pronunciado descenso ata a meta. 

Probablemte uns dos lugares máis fermoso polo que teño corrido dase nesta proba de Lira: un camiño á beira do mar co solpor vendo o cabo Fisterra. Impresionante.

Considero que non saín rápido, de feito axiña empezo adiantar corredores, mais cando volvín pisar o asfalto (aprox. Km 4) noto a falta de forzas e trato de manter a posición. Mentalmente doume folgos porque considero que cando chegue a subida poderei coller a ese grupiño de sete compañeiros que levo a uns 15 segundo. Pero as forzas non retornan, e vánseme alonxando case todos. Sufro na subida. Na dura baixada, recupero forzas, achégome a un par deles pero, sabendo que non son da miña categoría, fico coma un señor e non fago ademán de disputarlles o sprint.



Fago meta en 30.30´´ o meu peor rexistro nesta proba. Mais non estou amolado. Hai un cambio de mentalidade na cabeza: adestrar menos e, xaque logo, ir empeorando nos tempos. Provisionalmente entrei na meta de 19 e de 1º na categoría de veteráns B. O trofeo segue a ser unha fermosa cerámica de Nacho Porto.

No apartado social da proba, contei cos ánimos da Rabudiña (mágoa da súa ausencia) e da presenza de Marisa e Juan. Moitas grazas, familia. 

Ademais, a organización tivo a ben facerlle unha pequena e sentida homenaxe ao tempo que un fermoso agasallo, a Angel Carrecedo por ter participado en practicamente todas as edicións celebradas.

Fotos: A.C. Canle