27/5/13

"III Carrera contra el cáncer" na Coruña

Unha semana ben pobre, case sen quilómetros, vamos o que un friqui diría unha semana de asimilación do traballo realizado:
Foron 34 quilómetros, dúas sesións de abdominais no ximnasio e 90 minutos de pesas (fitpower). Mais houbo unha fermosa novidade: o regreso de Pili ao ximnasio.

O sábado estaba inscrito nunha proba en Carral… mais non puido ser. Neses poucos quilómetros están incluídos os da participación na III Carreira contra o cáncer da Coruña sobre un percorrido de 5.000 metros (máis ben serían uns 4.800).


A verdade que foi toda unha sorpresa ver tanta xente na zona coruñesa de Riazor. Entre unhas probas e outras superaríanse, con moito, as mil persoas. Todo sexa por unha boa causa.

Desde Montrove baixamos á capital todo un equipazo e en Riazor agardaba por nós unha parella imprescindible. Por fin volvemos moitos a participar xuntos: o Mestre Juan quixo deleitarnos coa súa emblemática presenza (grazas… contigo nada é igual) Tamén Pili fixo o esforzo de tratar de trotar con nós (xa falta menos para o teu regreso…)

Houbo oportunidade de saudar á xente do Club de Atletismo Sada, xa un grupo máis que consolidado en calquera proba atlética que se celebre en Galicia, así como a outros amigos e amigas.

O quecemento foi escaso o que non é nada estraño neste grupo de Montrove.
No quecemento bailando mentres outros trotan

Con só dez minutos de retraso deuse a saída. Coloqueime diante tendo coma referencia a Roberto García pero sen présa por coller o ritmo de carreira. Os primeiros mil metros son de adiantar xente (por que non se colocarán segundo o seu ritmo e deixarán de empeñarse un facer un sprint na saída…?) sempre polo lado máis longo das curvas. Ao chegar á rotonda do Milenio vexo que xa vou bastante adiante, aínda así trato de coller un ritmo algo máis alto e continuar pasando xente ata o Pazo dos Deportes. Na segunda volta só manteño o ritmo e a posición. Despois do segundo paso polo Milenio pásame Félix e case na liña de meta outros dous atletas.

Entro con pulsacións moi altas… pero recupero axiña e felicito a Roberto, Félix e Alberto. Fixeron uns tempazos. Entrei de 34 (sobre un total de 915) en 17.38 a 3.32´´ o quilómetro segundo os resultados oficiais da Federación mais sei que o ritmo no era tan bo porque a distancia sería algo menos. Comprobando as idades dos participantes na meta vexo, con certa satisfacción, que non entrou ninguén de máis idade ca min por diante…

Contento porque non apareceron as molestias… Semella que tras oito meses, a pubalxia e as dores complementarias van ficando atrás.

Despois da carreira houbo un reagrupamento do grupo e as cañas no lugar seccionado por Raúl: O 21 onde nunha mesa hai unha foto de dous rapaces xogadores de hoquei a patíns…

19/5/13

Facendo quilómetros


Quince días sen competir… mais fixen serios intentos de participar no Trail de Dexo e nunha proba da Serra de Outes. A proba da Serra de Outes foi trocado por unha viaxe artística-gastronómica polas terras de Quiroga.
San Estevo de Ribas de Miño

Estas dúas semanas foron de facer quilómetros, a primeira (do 6 ao 12 de maio) foron catro saídas cun total de 52 km. Como novidade fixen as miñas primeiras series da temporada: 5x1000 entre 4.15 e 3.45´´. Poucas e lentas mais idea é ir progresando moi lentamente. Tamén fixen unha sesión de ximnasio con abdominais e pesas (fitpower)

Na segunda semana ( do 13 ao 19 de maio) aumentei os días de saída, agora xa foron cinco para un total de 64 km, tamén un deses días foi das mesmas series e cos mesmos tempo. Igualmente repetín a sesión de ximnasio acompañado por Raúl.

5/5/13

III Media Maratón de Xixón



Cun adestramento o luns de 6 km e outro o xoves de 15, sorpresivamente marchei facer a III Media Maratón de Xixón o sábado. No total semanal foron 42 km.

Pois efectivamente, despois dunha chamada telefónica para desexarlle sorte a Raúl na media de Xixón, sorpréndeme ao dicir que vai so. Que ninguén o acompaña, nin tan sequera Chema que fixera a inscrición. Tras contarllo á xefa da casa, recibín a orde, que cumprín con moito gusto, de acompañar a Raúl ata Xixón, non fora ser que fixera algunha loucura.

Da viaxe mellor non contar moito, fica no segredo do sumario. Xa sabedes como é Raúl, pura improvisación…

Despois de recoller os dorsais e pasearnos pola feira do corredor, desprazámonos ata o centro para xantar nun italiano. Aproveitamos a ocasión para encher o coche de sidra e outros produtos tipicamente asturianos. Rexeitou a miña idea de xantar unha estupenda fabada.

Fixemos a sobremesa no estadio de Las Mestas, nas bancadas, tomando o sol. Como non había posibilidade de chegar tarde, fixemos o quecemento dun xeito moi rigoroso o profesional. Momento no que lle digo á miña parella que dáme unha preguiza tremenda poñerme a participar nunha proba ás seis tarde dun espléndido sábado, que aínda non teño a cabeza para esa distancia.

Colocámonos no caixón de saída de 1.45´ xa que este era o tempo que tiña previsto facer Raúl. Tiven que soportar as súas queixas pois quería que me fora para máis diante. Despois do minuto de silencio polas vítimas de Boston, iniciamos outra media máis.

Creo que nunca saíra tan atrás nunha media. Despois dos primeiros trescentos metros acompañando ao Mariscal, iniciei a miña andaina con obxectivo ben claro: ir de menos a máis e sen agotar nunca as reservas. Desde a Behobia de novembro non voltara ao asfalto na distancia e os adestramentos realizados en abril son de iniciación de temporada tras varios meses lesionado.

Fago o primeiro quilómetro en case seis minutos (debe ser o meu quilómetro en competición máis lento). No quilómetro un, collo ao globo de 1.45', no dous e medio ao de 1.40' e no cinco ao de 1.35'.  Vou contento coa progresión.Vou comodamente adiantando xente por onde podo (mediana, beirarrúa…) Imos protexidos do forte vento do Cantábrico e baixo un sol de importancia. Ao chegar á praia de san Lourenzo collo ao grupo de 1.30. O nordés sopra cunha forza do carallo. Sen présa pero sen pausa continúo adiantando corredores. Creo que paso o quilómetro 10 en 42.30´´. Sorpréndome pola miña exactitude xa que era ise tempo o que quería facer. Tocaba agora comprobar se había forzas para manter o ritmo ata meta.

Ao seren unha proba netamente urbana, había moitísimo público e como ademais é absolutamente plana, fai que sexa unha carreira moi fermosa e recomendable.

Continúo pasando corredores pero cada vez son menos. Fago o macarra todo o que quero: saúdo ao público, toco as palmas con canto cativo hai…

A partir do 17 pasaranme catro corredores. Penso, só catro, que ben!. A meta é no estadio de Las Mestas. Non teño forzas para aumentar o ritmo pero si para defender a posición e pasar aínda a máis corredores. Fermosa meta.

Venceu Chema Martínez con 1.06.06´´.

Fago 1.29.36´´ de tempo neto, regreso a tempos do 2004 na Vig-Bay, já, já... Entro de 380 sobre os 1.800 chegados e de 19 na categoría.

Recollo a bolsa do corredor de Chema e facendo os alongamentos agardo por Raúl. Non conseguiu a marca desexada.

Tras a ducha e as chamadas telefónicas ás familias iniciamos o regreso cunha parada técnica en Mondoñedo para cear. O xefe deixome tomar dúas cañas.

Fermosa experiencia de regreso á media, moito antes do previsto.