6/4/14

XV Medio Maratón Gran Bahía VIG-BAY 2014: lento pero seguro

Semana ben pobre en adestramentos (52 km): martes 15 km; xoves 10 km; o venres tiven que anular a sesión prevista con Pili e o sábado só fixen 6 km. O domingo de novo á Vig-Bay e xa van sete feitas, sendo a primeira hai xusto dez anos no 2004 nun fermoso día compartindo quilómetros con Pili, Julio e Juan. Que ben lembro aquela primeira vez (os problemas polo cambio de hora, o café en Samil, a compaña de Julio nos primeiros oito quilómetros, o xantar en Samil, as maniotas do día seguinte…)  Case non podo crer como pasou o tempo…

XV Medio Maratón Gran Bahía VIG-BAY 2014
Había moitos meses que non participaba nunha media (Xixón, maio 2014) e moitos máis desde que disputara a última (Vig-Bay 2012)

Tocaba, agora, comprobar se os adutores estaban listos para unha tirada de 21 kms. Distancia que non percorría desde a maratona de Porto no novembro pasado. Para non forzar e para colaborar co club, tiven a honra de ser acompañado por Inés quen tiña como obxectivo 1.37´e puntuar como segunda fémina do club.
Parte do 40 atletas do CAS

A viaxe foi perfecta: saímos con puntualidade de Sada no autobús. Compaña moi agradábel con parada. Jesús como compañeiro de viaxe. Que máis pedir. Chegada con tempo a Samil: tempo de preparación, fotos, aseos e algo (pouco) de quecemento. Faltando quince minutos, colocámonos nos caixóns de saída.

Comenteille á miña colega que os primeiros quilómetros iría detrás dela para non estorbar a ninguén (cinco mil inscritos) e para que ela atopara o seu ritmo. Nestes primeiros quilómetros acompañounos Juan Méndez. Desde o ano pasado cambiaron o percorrido polo que axiña deixamos Samil e iniciamos a primeira subida. Os dous primeiros quilómetros fixémolos algo rápido de máis pero Inés parece que vai cómoda. Son estes primeiros quilómetros onde o adutor dereito quere protestar como o ven facendo nas últimas semanas mais, sorprendentemente, enseguida desaparecen as molestias e non volverían aparecer. 

Tras rodar algo en plano, imos collendo o noso ritmo previsto (4.35´´ ao quilómetro). Cando chega a subida longa tratamos de mantelo coa idea de logo volver ir un pouco máis alegres. Levei unha tira de papel cos tempos de paso por quilometro. Ata o 6 aprox. imos por debaixo do obxectivo.

Non deixan de pasarnos corredores e mesmo varias rapazas. Nós imos ao noso. Non nos inquietan e mesmo Inés vainas saudando e animando.

Non lembro ben os quilómetros porque despois de moitos anos memorizando un percorrido… o actual xa non é o mesmo e cando iniciamos o descenso cara a Praia América (antes era case o dez e agora debe ser o 6) en vez de aumentar o ritmo tan só o mantemos. Cando se chega á Praia, facemos un xiro en dirección leste. Creo que son os peores momentos de Inés. Non aminora pero empeza a marchársenos a posibilidade de 1.37´.

Comézolle a falar. Transmitíndolle ánimos. En canto de saímos de Praia América (antes 15,5 agora 13 aprox.) descoñezo de novo a ruta. Vai máis pola costa por adoquinado. Cada metro que pica para arriba, Inés recupera posicións aumentando o ritmo. Empeza a súa mellora. Hai xente que nos pregunta ritmo e obxectivo ao escoitarme falar con Inés. Formamos grupo… pero un grupo grande de carallo.

Antes de chegar á Ramallosa xa pasamos algunha rapaza. En cada subida pasamos máis xente. No descenso á Ramallosa sigo tendo medo de non acadar o obxectivo. Faltan catro quilómetros e imos para 1.37´ longo. Mais… apareceron os adestramos de Inés. Nos últimos quilómetros subimos a velocidade. Pasamos xente. Adiantamos mulleres. Vai fenomenal. Meta en 1.36.46´´. Impresionante.

Resultados: entramos de 1.211e 1.212. Ela fixo 10 de categoría e eu 76. Por suposto acadaron pódium: segundo equipo feminino. Karina baixou do 1.35 e Bea fixo 1.42´por culpa de dúas paradas técnicas.

O resto do clube… pois un feras.

Se as molestias non regresan... feliz. Lento pero seguro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas por deixarme a túa opinión