8/6/14

II Trail do Mandeo

Semana cunha tirada menos da prevista pero cun total de 77 kms (canto tempo había que non facía tantos quilómetros nunha semana!!!) . Isto xa parece outra cousa. Unha sesión de pesas no ximnasio acompañado polo mellorciño de Montrove: Juan, Raúl e Pili. O domingo fixen 17 con Pili (menuda caña me deu baixo a chuvia) e o sábado participei no meu primeiro trail, o do Mandeo. 


Pois imos probar isto dos trails. Tanta xente falando ben deles que tocaba facer un, e si é preto da casa con non moitos quilómetros (18 km. aprox.) sen atravesar ningún regato e tamén con pouco desnivel positivo (590 metros) mellor que mellor.

O día ameazaba chuvia… temperatura fresca (mellor para min). Facemos foto do CAS e o quecemento con Jesús e Roberto (parabéns por ese cumpre…).

A saída, desde a Praza García Irmáns, é ampla polo que non tocaba forzar. Os primeiros cincocentos metros son en baixada. Teño preto a Jesús e a Javier. Vou moi cómodo. Teño diante uns vinte corredores. É un percorrido que coñezo de camiñar e trotar por el. No segundo quilómetro comezamos a subir e subir. Vexo ao lonxe a Javier xa camiñando mentres que eu sigo trotando e case non lle recorto. A subida é longa e vaise facendo realmente dura. Despois dun descansiño outra subida dun quilómetro na que agora collo a Javier. Facemos xuntos a difícil baixada cara a Chelo. Hai un momento que paso medo pola dificultade técnica e pola velocidade. Decido non arriscar. 

Nesta primeira gran baixada xa vexo como hai auténticos expertos (para min case suicidas) nas baixadas. Alucino.

No avituallamento de Chelo non collo auga e Javier párase. Cruzamos o río e principia a parte máis técnica e fermosa. Un percorrido que grazas a Juan e Pili coñezo ben. Despois duns cincuenta metros vemos un ferido (gran corte na cabeza e abundante sangue). Avisamos a alguén da organización que estaba ben preto. Estes quilómetros polo  río son preciosos mais hai que ir con coidado.

Teño camiñado bastantes veces polo lado contrario do río, case sempre con Pili e Juan. É un lugar dunha beleza extraordinaria mais hoxe non tocaba admirala pois había que apurar e avanzar con moito ollo.

Vou detrás doutro corredor tendo moito coidado de facer outro percorrido para poder ver ben onde pisar. Creo que me vai ralentizando… Cando se ofrece a deixarme pasar, sorprendentemente, dígolle que non. Que vou ben así.

COMENTARIO: Quen me ía dicir a min que co paso dos anos e dos quilómetros volveríame tan educado nas carreiras…

Cando deixamos o río (km 8) iniciamos a que figuraba como a gran subida. Parece que vou manter a posición e mesmo adiantar algunha pero co paso dos metros, cóllenos un grupos de cinco persoas que ven por detrás, entre eles Javier.

Nesta subida, Javier sufre e faina camiñando mentres que eu trato de trotar aínda que tamén camiño algo. En canto non pica para arriba recupero posición. Mais cando no 10,5 volve a costa… outra vez para atrás.

No avituallamento do 12 bebo e iniciamos a baixada con Javier por diante.

Outra vez toca ver como hai xente que descende moitísimo mellor ca min. Que velocidade, que forma de saltar os troncos… Danme medo.

Cando no 13 remata a gran baixada volvo recuperar algunha posición. Mesmo trato de facer grupo. Tiro de dous colegas. Nunha pequena subida, tropezo e caio. Os dous colegas páranse para axudarme a levantar. Non foi nada pero lles quedo moi agradecido. Seguimos tirando e iranse quedando.

No quilómetro 15 hai outra baixada. Esta vez tamén é moi técnica e mesmo perigosa. Adiántame (deixo pasar) outros dous corredores. Calculo que nas baixadas e nas subidas teríanme adiantado unhas quince persoas. Confío que en canto chegue o asfalto poida recuperar as posición. Cruzamos un regato (había un, cachisss). Levarei o resto da proba molestias nunha zapatilla por non tela apretado moito.
Chegando a Betanzos

Os dous últimos quilómetros son en asfalto. Achégome ao último que me adiantara pero non podo con el. Vemos Betanzos. Entramos no casco histórico e, de novo, toca subir. Empezo a sorrir. Últimos metros. Ningún percance serio (una caída e unha rozadura cunhas silveiras). Póñome guapo para as fotos da meta.

Resultado:  na xeral de 36 (sobre 299 chegados á meta), na categoría de máis de 45, 6º cun tempo de 1.37.55´´. Boa e familiar organización. Parabéns agradecidos.

Na meta saúdos aos meus predecesores do club (Jose, Jesús e Javier) e sen agardar para coñecer os resultados nin para saudar aos amigos que aínda restaban por entrar, regreso a Montrove.

Cando chego a casa, chamada de Alberto (este home sempre pendente de min, sempre facéndome favores) para comunicarme que teño un premio por ser o primeiro con máis de 50 anos… Que lle imos facer… isto de cumprir anos é o que ten. Moitas grazas Bea e Alberto polo detalle de facermo chegar ata a porta da casa.


Outra experiencia. Outro xeito de correr.

Nota curiosa: O premio consiste nunhas berzas, unhas herbas de san Xoán e nunha botella de viño coa foto dunha escultura de Pepe Galán.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas por deixarme a túa opinión