15/6/14

IV Carreira Popular Concello de Carballo: que cansazo

Total de  quilómetros semanais: 64 e unha sesión de ximnasio (as de Toni tiña que valer por dúas) e competín en Carballo.

Esta semana tiña que ser de relax pero… Efectivamente, despois da malleira da fin de semana pasada (sábado o trail do Mandeo e o domingo a tirada longa con Pili) tiña os cuadríceps para deixalos en remollo por moitos días mais… o luns non me resistín a non ir ao ximnasio e comprobar como as pernas estaban realmente esgotadas. O martes, con Javier, adestrei en Sada ás ordes do ditador Fernando. Menos mal que so nos abrigou a facer 6x200 metros… Como sufro nas series curtas (todas en 35´´) Polo demais, un pracer compartir esa tarde con outros vinte compañeiros e compañeiras do CAS. O mércores tirada de 14 km para seguir comprobando que os cuadríceps aínda non estaban recuperados. Xoves sesión de recuperación nas mans de Paloma e para comprobar que todo vai ben. Venres tirada de 17 km con Pili mentres que o sábado, tamén con ela foron 11km O domingo… a Carballo. Toda a semana cunha gran sensancion de cansazo.


Nesta ocasión a viaxe foi con Javier P. onde entre outras cousas falamos dos nosos males atléticos. Tras aparcar fomos a polos dorsais saudando amigos. Regresamos ao coche con Luis C. (o pobre non durmira esa noite, jé, jé) Para facer o quecemento levei a Javier, pois non coñecía o percorrido mentres que para min xa era a terceira oportunidade, polo primeiro quilómetro para que vira a difícil saída e a costa dos primeiros centos de metros.

Cando regresábamos ata a liña de saída ficamos abraiados polo que vimos: unha marea azul. Varias ducias de corredores e corredoras do Club Atletismo Sada enchendo todo a estrada. Impresionante. Saudámonos e compartín uns minutos con Montse e Inés (que ledicia vela de novo no asfalto). Logo e xa ás ordes de Fernando, tocou facer unhas progresións por diante do cuartel da Garda Civil. Foi das pouca ocasións nas que antes da saída xa tiña a espalda empapada da suor. Foto de grupo feita por Lina (mágoa non vela no asfalto tamén a ela)

Sol e máis de 25 graos. Vai ser unha proba dura. Quen tivera só os meus benqueridos 15 graos…

Coloqueime moi adiante na liña de saída pois eses metros eran moi complicados. Ía ben escoltado por Toni e Roberto. Como ven sendo habitual tiven problemas para poñer o cronómetro en marcha e ademais había que estar moi atento para non caer entre tantos corredores.

Tras as dúas primeiras curvas, sinto a presenza de Toni e Rober. Fago a primeira subida con eles detrás e cando rematamos o primeiro quilómetro comeza a tirar Rober. Toni avísao de que controle máis o ritmo posto que parecía que se ía quentando… Baixada e xa recta pola estrada de Fisterra. Vou tratando de abrirme para que alguén do público poda localizarme doadamente. Ando a buscar á miña Rabudiña. Toda a proba andiven pendente dela case máis ca de correr… non a ía atopar ata o final… pero con sorpresa, vaia sorpresa…

Polo quilómetro tres é Toni quen se pon diante. Parece que facemos grupo pero a realidade é que hai moitos corredores buscado o seu ritmo (houbo máis de mil inscritos pero so 664 chegados á meta) Fago a pequena subida para regresar cara o centro detrás deles. Como teño medo de que se marchen forzo o ritmo para collelos. Non miro o cronómetro, sei que non vou moi rápido pero creo que mellorarei o resultado do pasado ano (38.50´´) Case ninguén nos pasa durante toda a proba. Nada máis iniciar a segunda volta parece que Rober  vaise quedando mentres que Toni vaime collendo uns metros.

Xa desde o quilómetro tres andamos facendo a goma cun atleta de Noia polo que decido á altura do seis falar con el (a escusa é a proba que teñen na súa vila a finais de agosto) coa idea de facer grupo. Na pequena baixada alguén nos adianta cun ritmo fantástico e cando imos pola estrada de Fisterra escoitamos unas zapatillas que nos veñen gañando terreo, son as de Luís P., tamén do CAS. Colleranos uns metros.
No inicio da segunda volta

Son uns centos de metros nos que vou animado ao meu compañeiro de Noia. Antes da curva que marca o regreso cara ao centro de Carballo (km 7) collo a Luís P., falo con el e anímoo a que se veña por Toni quen segue uns metros por diante. Dígolle a Toni que corra que vou por el. Axiña  o collo e vexo preto a Luís C., do Runaways. Animo a Toni para que se me pegue. Vai cun colega. Dígolles que hai que forzar, que non queda nada, que vou a tope para deixarlles a eles o sprint. Collemos a Luís. Tivo un mareo polo que parou uns minutos mais agora anímoo para que se veña con nós. Cando faltan cincocentos metros trato de todos suban o ritmo. Váiseme Luís e logo o colega de Toni.

Facemos meta cun sol do carallo, perdón, digo do Carballo.

Na liña de meta escoitei un berro “Ánimo, campión”. Tiña que ser da miña Rabudiña.

Resultado: De 56 (sobre un total de 664) con 39.49´´ e de 7º na categoría. Sorpréndeme o mal rexistro pois corrín ben, controlando as forzas e mesmo creo que fixen os dous últimos quilómetros a bo ritmo. Entraron na meta 27 atletas do CAS.


Tras cruzar a meta e saudar aos amigos xa chegados e aos que o están facendo (recibo algúns parabéns polo xeito de animalos durante a proba) falo coa Rabudiña. Poñémonos ao día e... sorpresa. Se o ano pasado fora unha empanada, neste... É tan boa que teño que facer outro post para agradecerllo como ela merece. Bicos mil, ma chère.

Fotos na proba de Roberto.

1 comentario:

  1. Champion! Esa foto foi chegando á meta xusto cando me escoitache :-) Bisous rabudos

    ResponderEliminar

Grazas por deixarme a túa opinión