13/7/14

II Carreira Popular do Ventorrillo

Semana con 67 km e sen series. Unha saída en bici de carretera e unha sesión de fitpower no ximnasio. O venres fixen con Pili unha tirada longa polas beiras do río Mero e o domingo participei na II Carreira Popular do Ventorrillo na Coruña.

Cheguei con tempo suficiente mais cun pequeno susto na recollida de dorsais pois o meu non estaba. Alí non tiven a oportunidade de falar un anaco cun atleta que le este blog polo agobio que me deu de atoparme sen dorsal. Menos mal que tiña un no coche posto que esta proba forma parte do Circuíto Coruña Corre no que, por certo, xa non puntúo pois non fixen (non farei) o mínimo das probas necesarias.

Tiña previsto facer o percorrido da proba para coñecer o circuíto pois sendo dunha distancia pequena (5.065 metros) pagaba a pena coñecer as súas subidas e baixadas. A proba constaba de dúas voltas a dous pequenos circuítos. No quecemento fixen unha volta a cada circuíto vendo que había dúas pronunciadas baixadas e outras tantas subidas. Un circuíto quebra-pernas nada rápido. Mágoa das baixadas…

Tras ese primeiro quecemento comparto minutos coas xente do CAS. Moitos deles e delas fixeran onte a nocturna de Santiago (como son…)

Coloqueime no caixón de saída con Toni. Imos costa abaixo en dirección ao Ágora.  Hai xente que sabe tirarse cara abaixo polo que me adiantan bastantes. A primeira subida é por Mosteiro de Caaveiro onde, sen presa, xa recupero algunha posición. Na segunda baixada en dirección ao Ágora só me pasa un corredor mais na subida recupero varias posicións. Toda a xentiña do CAS que non participaba na proba está tirando fotos (grazas Bea) ou animando.

O segundo circuíto era en parte en asfalto e parte en terra. Os primeiros cincocentos metros picando para arriba e onde melloro posicións. Logo unha dura e pronunciada baixada. Ao iniciar a segunda volta comezamos a adiantar a moita xente que está a facer a súa primeira volta. Ten un certo encanto adiantar tanta xente… mais tamén poderíamos organizarnos mellor indo os da primeira volta por un lado e os da segunda por outro. Animo ás persoas do CAS que adianto.


Levo volta e media detrás dun rapaz. Nas subidas póñome ao seu carón mais nas baixadas…. Váiseme. Na última baixada cólleme varios metros.

Resultado:  19.51´´ de 35 na clasificación xeral (sobre un total de 509 atletas entrados en meta) e de 2 na de Veteráns C detrás de Emilio a un ritmo de 3.56´´.

Creo que o resto do mes baixarei algo de quilómetros, farei outros deportes para en agosto... traballar cara ao novo reto.

6/7/14

I Carreira solidaria Parque Oleiros

Rematei abril con 241 km. Non está mal pero creo que debo ir aumentando o número de quilómetros mensuais. Esta semana fixen  80 e iso xa é outro cantar. Ademais houbo un día de fitpower con Toni (seguen valendo por dúas as súas clases?) e un amago de 6 series de 500 metros. O sábado probei as novas zapas para esta temporada, unhas Adidas Energy Boots-2. Tiven boas sensacións con elas mais vounas gardar so para as competicións ata que non esgote as Asics. Dáme algo de pena cambiar de marca e modelo… pero tamén teño ilusión por probar o famoso boots. 

O domingo trotei 15 km con Pili despois de teren participado na I Carreira Solidaria Parque de Oleiros



Xa que esta finde non fun ata Muros, non había escusa para non participar nunha proba na que colabora o meu club e que me queda a uns quilómetros da casa. Ë unha proba rara para min pois ten unha distancia de 4.700 metros aproximadamente (¿). No reparto de dorsais atópome con moitos coñecidos, facendo un corto quecemento con Álvaro.
A "pequena" representación do Clube de Atletismo Sada na proba

A saída era dende o aparcamento tendo que baixar dous andares pola rampla dos coches. Neses metros iniciais adiantoume moitísima xente. Baixo mal e se hai curvas moi pechadas aínda peor. Cando deixamos de baixar pásanme Felipe e Alberto quen me pregunta, “Alguén está fóra de sitio, ou ti ou nós?

Dirixímonos polo parque industrial ao que temos que dar dúas voltas. Comezo a mellorar posición. Calculo que vou de 20. Axiña aparece unha dura subida. Pásame algún corredor máis. No inicio da segunda volta empezo a recuperar posicións e na repetición da subida adianto a Julián J. animándoo e lembrándolle que eu non teño sprint para que force ao final. 

Despois collo a Toni. No último quilómetro e medio trato de manter (forzar) o ritmo para que os de atrás non me collan e seguir achegando aos que teño diante. É a zona con máis público. A sección infantil do CAS anima un montón e achégome para chocarlles a man.


Rematando a segunda volta ao polígono

O derradeiro quilómetro fáise longo e duro pois é unha recta de ida e volta. Na última rotonda comprobo visualmente que lles será complicado collera os que veñen por detrás. Non sprinto.

Resultado: 18.05´´, de 13 na clasificación absoluta sobre un total de 351 e de 4º na categoría de máis de 45 a un ritmo de 3.37´´ o quilómetro.

Tras cruzar a meta, e sen deixar de suar, collo o coche e vou ata Montrove para facer os quilómetros prometidos con Pili. No Paseo do Burgo cruzámonos con Paloma, Antonio, Álvaro…Onde estará o Raúl?

As fotos da carreira son de Félix.

Unha boa e esgotadora semana