11/10/15

A Coruña-10 e... o comandante mandou parar

Semana de ilusións. O martes adestramento suave de 10 km, mércores tirada algo máis longa, 16 km, e o xoves, case por sorpresa, integreime no grupo do CAS que adestra no INEF. O traballo específico consistiu en cinco series rápidas de cinco minutos con tres minutos de recuperación e logo outras tres rápidas con outras tres lentas.  Despois da segunda de cinco minutos tiven que estirar posto que a parte posterior do xeonllo dereito parecía querer contracturarse. Tras os estiramentos incorporeime sen máis molestias. Rematei canso pero contento por ter con quen compartir adestramentos. O venres, trote suave (realmente suave pola miña culpa pois estaba esgotado) con Pili e logo sesión de pesas (fitpower) no ximnasio. Sábado de repouso e o domingo tocou actuar en

Coruña-10

O chofer recolleume con puntualidade. Laura tamén estivo lista cando tocaba. As dúas últimas carreiras nas que participara a cabeciña dixéralle ao corpo que non debía sufrir, de xeito tal que non forcei nin sofrín. Mais agora tocaba cambiar o chip e tratar ir mellorando  polo que trataría de esforzarme. Sei que non estou para repetir a marca do ano pasado, eses 37.01´´ pero habería que forzar.

Quecemento compartido con moitos amigos e amigas. Tempo de comentar problemas e ilusións. Que se facer menos de 40´, de 43´ ou de 53 no caso de Laura.



Saímos costa arriba, polo novo circuíto, sen forzar, paso a Paula Mayobre, pero sobre todo vaime pasando moita xente. Logo baixada ata facer o primeiro km en 3.39´´. Rápido pero non me sinto mal ata que… no quilómetro e medio xorden as mesmas molestias ca o xoves pasado pero nesta ocasión non remiten se non que van a máis. Baixo ritmo. Adiántanme moitos coñecidos, entre eles don Julio, o subcampión galego de triatlón da súa categoría. Laura saúdame. E non podo facelo.

Ao chegar á Praza de Portugal retírome a estirar. Agardo por Pili. Reincorpórome para ir con ela pero só o podo facer uns cincocentos metros. Vou coxeando. 
Inútil intento de reintegrarme na carreira. Forte dor

Volvo retirarme e póñome, de novo, a estirar. Agardo por Laura. Vén moi rápida, por baixo de 5´/km. Acompáñoa algo máis dun quilómetro e a gardo por ela enfronte á Domus para collela no km 8. Os amigos e amigas que vexo pasar interésanse pola miña saúde. Trato de dar folgos a corredores e corredoras. Inés vai soa. Saúdo con ilusión a Pablo Anllo que anda a rodar pensado na maratona de Frankfurt (que grande é este home e que pelo tan ben cortado) Pili semella que vai a menos.

Por fin aparece Laura. Estamos no km 8. Trae mala cara. Non quere falar. Foi perdendo moitas posicións. Ten que ir aprendendo. Saíu cun ritmo descontrolado e pagouno na subida á Torre. Trato de animala mais é moita xente a que nos pasa. Só no último quilómetro recupera algo para tratar de entrar por baixo dos 50´.

Ten estilo ou non, a rapaza?




Resultados: Laura 49.32 neto, por fin baixou de 5´/km nun dez mil. As rapazas do club, coma sempre, excelentes con varios pódiums.

Agora toca, coma dicía a canción de Carlos Puebla, “y el comandante mando parar”. Hai que ver que pasa na perna e recuperarse. Ademais, pensando en positivo, por fin estreeime nun abandono nun dez mil. Xa tiña abandonado nunha maratona (como doe aínda esa retirada na primeira edición de Coruña-42) e nunha media (León). Por fin chegou a retirada nun dez mil.

4/10/15

V Carreira da Auga de Sada

Rematei setembro con 161 km. Menos da metades cos realizados nos cinco últimos anos. A parte negativa é que hai que modificar os obxectivos desta tempada. A parte positiva é que parece que os problemas físicos van remitindo. Agora toca resetear o corpo e a mente e iniciar de novo a tempada modificando os obxectivos. 

 V Carreira a Agua de Sada 

 Este ano no me puiden comprometer nin na colaboración previa ao día do evento nin a ser unha lebre. Por unha banda o sábado estivemos degustando as delicias de Mercedes e Fernando, co gallo do san Froilán, e pola outra non tiña pernas que garantisen un ritmo. 

Tratei de chegar ben cedo a Sada pero, o sorpresa, xa habería máis de 50 persoas traballando pero como onde colaborar había de abondo pasei case dúas horas facendo o quecemento colocando vallas.

Creo que a saída foi puntual. Fágoa co grupo dos 40 minutos á beira de Jesús, lebre oficial, e de Inés, que intentaría saír forte para mellor marca. 



Aguanto con Jesús ata o km 3, na primeira e longa subida. Quédome con Borja outros tres quilómetros pero despois do avituallamento, decido agardar por Inés que non ben moi lonxe. Aninor moito o ritmo ata que chega onda min. 

Rematamos de subir. Medio quilómetro para recuperar e axiña a pronunciada baixada. Creo que vai mantendo un ritmo forte polo que case non ten capacidade de aumentalo nos dous quilómetros finais. Tan só ao avisala que se achega outra muller por detrás fai o derradeiro esforzo. O penúltimo quilómetro sae a 4.03´´ e o seguinte a 4.06. 

Déixoa marchar nos derradeiros metros para que entre soa na meta mais ela non quere, fréase, agarda por min e entramos de man. Que grande é. 

Resultados: 42.10´´ Inés de 99, 2ª absoluta e 1ª categoría. Eu fago o 100 de 666 a 4.13´´ e de 10 na categoría.

Moitas grazas polas fotos, Suka de Running Plus, José Manuela e pola da meta a de Juan Ramos.

O mellor resultado foi que se recadaron máis de 9.000 euros para UNICEF.