21/11/15

IV edición das Tres Millas Solidarias Inditex: outra de callos

Semana con pouco adestramento. O venres na suave tirada con Pili volveron aparecer molestias na parte interna do xeonllo dereito. Logo houbo fitpower. Sábado tocou facer

III Millas Solidarias Inditex

Proba solidaria que o mestre Raúl encárgase de organizar. Tempo con auga, vento e frío. Pouco quecemento e pouca motivación. Todos os coñecidos queren/queremos gardar forzas paras as probas que temos ao día seguinte. Antes da saída é o intre de tirar fotos.

Comparto os minutos previos coa gran Vanessa, tamén do “grupo” e do CAS. Saímos cómodos cara arriba, logo baixada e curva cara o mar. Xa vou notando como empeza a cargarse a isquio dereito por culpa de “algo” no xeonllo. Xa non trato de forzar. Deixo ir (ou tamén podería dicir que) a Vanessa pois empeza a correr. Déixame tamén Alberto. Tiramos cara o mar. Pásame outro mozo ao tempo que se pega outro. Vento forte en contra.

Iniciamos a subida, Alberto vaime collendo máis metros. Tras rematala e xa na baixa o que levaba ás costas tamén me adianta. No derradeiro quilómetro o isquio vai realmente contracturado. Non quero forzar nin esprintar.

Resultados: 19.41´´ nos 5.000 metros a 3.59´´ entro na posición 10 e de seguro o de 1º nos anciáns pero como é unha proba solidaria non hai clasificacións por categorías. No 2012 fixera 18.30´´. Vamos que estou acabado.



Tras a carreira tempo para fotos e para estar co fisio Borja quen confirma a forte contractura no isquio e determina que hai que parar uns días. Cando Mateo chegou á meta tiramos para casa Germán en Sigrás para dar conta dunhas tazas e duns callos.

15/11/15

XXXIX San Martiño: Nous sommes tous Paris

Dúas semanas sen queixarme. Non me doe nada, adestrei ben e mesmo fixen unha tirada longa (20 km) con Pili. Que máis podo pedir?  Nesta primeira quincena de novembro xa levo 139 km case os mesmos que en todo outubro. Para comprobar o estado de forma e facer o test de inicio de temporada fun á:

XXXIX San Martiño

Coma nos vellos tempo, no coche íamos cinco persoas (que digo persoas, atletas) e como pensei que a circunstancia ben o merecía puxen música dos vellos roqueiros:

Chegamos con tempo para un café e ir dúas veces a baleirar líquido. Tempo de fotos para os cinco magníficos e para a xentiña do CAS.



Saudei a moitos amigos/as mais fíxome especial ilusión atoparme con Jorge Lamas, compañeiro de moitos quilómetros na Coruña-42 de abril deste ano. Laura leva instrucións dabondo para facer unha carreira con cabeciña.

Agardo no caixón con Juan Carlos Diéguez e Edgar (vou achegándome, meu) Foi emocionante o minuto de silenzo que se gardou en memoria das vítimas dos atentados do venres en París. Realmente emocionante. Non deixei de lembrarme da miña queridiña Rabuda que estaba no estadio de fútbol (quérote, campioa)

Saio con calma. Ponte sobre o Miño, subida, primeiro quilómetro en 4.00. Ben. Case desde o primeiro metro teño a sensación de que non para de pasarme xente (comprobarei logo que non foi así desde o km 5 polo menos). O segundo km vai en baixada e subo comodamente o ritmo. Non son quen de facer grupo con ninguén, todos se me van. 

Lembro ben que a proba non ten un perfil doado ata o km 5. Pásoo en 20.16´´ e  dígome que hai que apretar e tratar de subir o ritmo.


Recibo ánimos da gran Teresa Corrales desde a beirarrúa. A segunda metade da proba saíu algo máis rápida que a primeira, aínda así nos dous derradeiros quilómetros perdín 11 posicións.

Resultados: entro na posición 477 sobre un total de 4.538 atletas  e de 20 na categoría cun tempo de 39.52´´, é dicir 2.40´´ máis ca o pasado ano, mais entro ledo pois non me doeu nada, non hai molestias. So resta traballar para ir mellorado. Do lugar onde estou so podo mellorar e a iso nos adicaremos.

Segundo entro en meta fago o percurso á inversa para atoparme con Laura. Crúzome con Chema, vai fenomenal. Collo á campioa no seu derradeiro quilómetro. Atópoa ben, sube algo o ritmo, fálolle moito para animala. Fai unha marca magnífica pensando que ademais nos últimos quince días so adestrara unha vez. Vai aprendendo a correr, foi a ritmo de 4,57´´ de xeito moi constante polo non lle tocou sufrir. 

Alberto vai collendo a forma, Chema é todo un superheróe e Raúl correu sempre por diante do seu globo. Fantástico.

Mentres agardamos por Raúl, tiven tempo de saudar ao mestre Xosé Carrera. Sempre é unha alegría ver ao meu maratoniano do sur preferido.

Axiña iniciamos a segundo tempo da San Martiño nas termas de Outariz con pouco de Moët Chandon cortesía de Raúl e rematamos o día xantando na Casa Lolo as súas anguías. 

A música de regreso foi máis suave para non molestar á sesta dos grandes do asfalto, co mestre Roy Orbinso e o Bruce:

1/11/15

II Carreira Popular Centro "Ricardo Baró" Aspronaga

Rematei outubro con 159 km. En outubro de 2014 fixérao con 352, sinal de que algo está a pasar. Xa van dous meses consecutivos que fago menos da metade dos quilómetros realizados no ano anterior. Se en setembro foran os xemelgos, en outubro foi un problema na parte interna do xeonllo dereito que afectou ao isquitibial. A pesares de pasar polo fisio, cando toca facer series hai por aí un aviso de forte contractura que me obriga a baixar o ritmo. Mesmo o xoves non fun quen de rematar o adestramento de series. 

A boa nova do mes é a fichaxe polo CAS de Laura. Benvida.

II Carreira Popular Centro “Ricardo Baró” Aspronaga 

O domingo participei por vez primeira nesta proba que se desenvolve a tan só dous quilómetros da casa. A percorrido era de tan só 5.600 metros. A idea era comprobar como se comportan o xeonllo e o isquiotibial e saber se aguantan uns quilómetros a ritmos alegres. 

Foi un pracer, coma sempre, compartir os instantes previos á carreira con tantos amigos e amigas. Por suposto, houbo marea azul e branca do CAS que ademais colaborou na organización (estes tipos son marabillosos e cada día que pasa penso que o principal valor do club e a solidariedade) 

Saín cómodo ao carón de Inés e de Alvaro. O primeiro quilómetro foi en baixada polo que saíu rápido (3.36´´) Cando principiamos polo plano achégaseme Alvaro que axiña me deixa pero tereino sempre moi preto ata o último quilómetro. Outro que anda renqueante pero … vai fenomenal. Parabéns, meu.

A proba discorre por onde adestro cunha certa regularidade polo que a longa subida non é descoñecida para min aínda que é a primeira vez que a fago co corazón na boca. Vexo que non teño forzas na subida e sobre todo que non teño pulmóns pois cando remata a costa tampouco son quen de recuperar. 

O último quilómetro iníciase cunha dura subida de trescentos metros. Álvaro e o seu acompañante vanme gañando metros, especialmente Álvaro. Recupero unha posición é entramos en Aspronaga. Miro para atrás vexo que alguén se me acerca pero decido non forzar na recta de meta pois cada metro que pasa o isquio cárgase máis. Son adiantado. 

A salientar, coma sempre, os folgos que reparte a xente do CAS que non participa ou que corre nas probas doutras categorías. Grazas. Ademais fiquei abraiado polo cariño que había no aire. Que xente tan boa hai en Aspronaga.

Resultados: Fago meta en 21.54´´ a 3.54´´na posición 24 na xeral e de 3º na de categoría. Creo que foi un bo ritmo.

Fotos na proba de Inés, de Running Plus e do Grinch do CAS. Grazas.
A medalla, ben fermosa.