12/7/15

III Carreira Popular Ventorrillo 2015

Semana con 78 km. Vou atopándome mellor pero só fago trote. As series ou cambios de ritmo terán que esperar a finais de mes. O domingo participei na III Carreira Popular Ventorrillo, do circuíto Coruña Corre.

Ben lembro o percorrido do ano pasado. Consiste en dúas voltas a dous circuítos. O primeiro circuíto é polo Ventorrillo con 300 metros de dura  baixada e 700 de suave subida. Logo outras dúas voltas pola Silva e Pena Moa algo máis chan pero tamén cunha dura subida e unha dura baixada.

Fago o quecemento (suave trote) moi ben acompañado.



Saio ben colocado pero fico abraiado pola cantidade de xente que me adiante na primeira baixada (máis de cen?) e mesmo observo que xente coa que andaba á par cólleme moitos metros. Tardo case un quilómetro, rematando a primeira subida, en comezar a recuperar posicións. Na segunda baixada tamén continúo pasando xente.
Primeiro paso pola Silva

Na Silva forzo un pouco para evitar un pelotón grande pois a rúa é estreita. Na primeira subida case non paso a ninguén, creo que só á primeira muller (Sofía Fernández, meta en 20.30´´). Nos seguintes metros, antes da baixada, manteño a posición e antes de iniciar a derradeira subida paso a un trío de atletas e achégome bastante aos que teño diante.
Segundo paso pola Silva, dobrando colegas

 Pero rematando a subida, adiántame a Rocío e outro colega e na posterior baixada, antes da meta, volvo ser adiantado por outro atleta. Son metros que compartimos cos atletas que van na súa primeira volta. Ten o seu encanto compartir eses metros con eles aínda que tamén nos dificultan algo manter o noso ritmo.

Se nos intres previos á saída non estaba cómodo, recoñezo que durante a proba funme atopando mellor.

Pasei o primeiro control na posición 86, o segundo na 58 o terceiro na 51.

Resultados: 20.36´´ a 4.05´´, de 55 (639 en meta) e de 4º na clasificación da categoría. Fixen 45´´ máis ca o ano pasado. Felicito aos coñecidos que me gañaron, da gusto ver o seu estado de forma.
Grazas polas fotos José Manuel, María e Dieta e Deporte.

5/7/15

II C. Solidaria Parque Oleiros

Semana con 47 quilómetros pero xa con mellores sensacións. Houbo menos días de adestramento, tamén fisio e spa. O domingo participei na

II Carreira Solidaria Parque Oleiros

Outro día con calor. Fixen o quecemento buscando as boas sensacións e lembrando como era o derradeiro quilómetro pois o ano pasado tamén participara na proba e lembraba ben o circuíto pero desexaba ter controlandos os derradeiros metros. 

Unha boa chea de amigos estiveron por aquí (alguén na liña de saída preguntou se en Sada regalaban camisetas), outra boa marcharan a Ponteceso e logo están as cabras do monte. Pero esa é outro tipo de xente.

Saída xa non tan sorprendente coma o ano pasado (baixar polo aparcamento) e xa comezamos subir ata case enlazar coa dura, pero curta, subida principal do circuíto. Aos cincocentos metros calculo que vou na posición 18. Vou, por fin cómodo. O primeiro quilómetro (aparcamento e subidas) saíu en 4.02´´ pero os seguintes todos por baixo de 3.50´´. Na segunda volta e polo km 2,5 paso a catro corredores, mesmo animo a algún para se enganche.

Buscamos xa o longa recta final, onde paso a outros dous. Pero xa non teño forzas para aumentar o ritmo.

Resultados: 18.22´´ (case 20´´ máis ca o pasado ano) a 3.47´´ entrando de 12 (200 en meta) na absoluta e de 4º na categoría.

Despois de entrar na meta vou para Montrove a trotar con Pili. Fixemos algo máis de 12 km a ritmo moderado.

Fotos de don Carlos.