25/11/18

VII Media Maratón de Vilagarcía: correndo en pelotón



Hai xa tres meses que adestro, e sen molestias. Tempo dabondo para probar como o corpiño vai asimilando os quilómetros nunha media maratona. Ademais desde había demasiados meses que non gozaba no asfalto desta marabillosa distancia. As lembranzas das últimas participación están asociadas á lesión (media de Porto en setembro 2016, ou a dos 21 do Camiño de xuño do 2016, as dúas cunha marca de 1.32´). A cabeciña e o corpo estaban rabeando por regresar a esta distancia.


Levando de taxista a Luís e con Nati e Jesús tamén en Vilagarcía, tomamos un café e fixemos algo, pouco, quecemento. Atopeime con Jose, un veciño recén atrapado polo asfalto que ía estrearse na media. Tempo húmido e frío (6 graos). 
Pequeno quecementos para matar a friaxe

O obxectivo era coñecer o estado de forma e buscar, de novo, sensacións, tratando de baixar de 1.27´ aínda que buscaría de saída o ritmo de 4´/km, é dicir por baixo de 1.25´. Tempo para saudar a amigos do asfalto, Bernardo, Moncho de Pelegrino, Baltasar... Que ledicia volver velos.

Luís, que leva unhas semanas sen atoparse moi ben, decide que tamén tratará de aproveitar a lebre que dispón a organización para 1.24´. Pequeno incidente antes de saír: un compañeiro ten un mareo e foi retirado en ambulancia (parece que todo está ben). Saímos lonxe do globo que nos marcaría o ritmo, imos por el, facendo o primeiro quilómetro en 3.51´´. 
A douscentos metros da saída

Fórmase un pelotón realmente numeroso, en torno a trinta atletas. Faremos case todos os quilómetros entre 3.51 e 3.58´´. No quilómetro cinco, nun cambio de sentido en Vilaxoán, vemos a Nati e Jesús moi diante, mesmo por baixo do globo de 1.30. Son quilómetros pegados á costa. Imos cara a Carril, regresando por Vilagarcía onde hai bastante xente animando. 

Rodamos en pelotón, eu bastante atrás pensando que hai anos iría sempre diante, dando a cara e agora, vou conservando, tapándome do escaso vento, aproveitándome do ritmo moi constante da lebre. Comprobando constantemente o ritmo de cada quilómetro. Cousas da idade.

Ata este primeiro paso  por Vilagarcía teño a sensación que vou alto de pulsacións de máis pero vou cómodo tratando de prepararen a cabeciña para cando teña que sufrir pois sei que haberá que sufrir. 
Primeiro paso por Vilagarcia. Á cola do numeroso pelotón


Luís que xa me adiantara que non ía cómodo, a partir do dez quere quedarse. Descólgome do pelotón e ofrézolle compartir o xel que levaba. Pídeme que regrese con grupo e déixoo detrás.

O pelotón vai minguando en número de unidades. Pero aínda vou cómodo con eles. Sempre detrás. Cando damos a segunda volta en Vilaxoán vou convencido de entrar con ese globo. Vou dando ordes á cabeciña de que hai que aguantar. Vexo aínda moi preto a Luís. Berro de ánimo. Vou pensando en positivo. Pensando nos meses parado e que hoxe estou de novo gozando dos quilómetros.

A medida que nos imos achegando a Vilagarcía vou caendo ata a cola do grupo. Téñoo a man pero xa vou a dous metros de quen pecha o reducido grupo (seis-oito). Na tirada ata Carril non deixo que o grupo se me marche e engánchome a outro descolgado. A pesar de todo o quilómetro 15 sae en 3.53´´, o 16 en 4.02´´ pero de novo o 17 e o 18 por baixo dos catro minutos. O xemelgo dereito vaise cargando e noto estrana a pisada dese pé. O 19 fáiseme logo de máis e vou en solitario (4.02´´). En solitario pero moi contento porque vou facendo uns ritmos que cría non poder ter. Os metros ata chegar ao km 20 fánseme realmente longos (4.02´´) e desde entón trato de subir ritmo, coller de novo ao compañeiro co que fixera os últimos quilómetros e achegarme case ata o globo. Último quilómetro en 3.54´´.

Entro en meta cunha tremenda cara de felicidade ou de estupidez.



Quédome na barreira de meta para animar a Bernardo e sobre todo a Luís. Vou trotando en sentido contrario á carreira para animar desde lonxe a Nati. Foi perdendo postos na clasificación de mulleres, para entrar en meta de 5ª pero subindo ao caixón por categoría.

Resultado: 102 de 407, 3º de categoría 1.24.11 a 3.59´´. Cando chegamos á meta a organización publicou uns resultados sendo 5º de categoría. Championchip publica 3º. Pero non hai trofeo que substitúa a felicidade por regresar a esta distancia.

Regreso con outro taxista. Jose (estrea fantástica na distancia, parabéns)

11/11/18

II Carreira Solidaria polo Párkinson. O Burgo



Semana de tan so 44 km (a anterior foran 51) e con pouca calidade de adestramentos. O domingo participación na II Carreira Solidaria polo Párkinson na Ría do Burgo.

Cun quecemento de tres quilómetros o trío de Montrove preparámonos para unha nova proba. Tempo para saudar especialmente a “Lon” ou Alonso despois de moitísimo anos sen coincidir. A saída con Julio foi sen incidente por pouco (curva na que piso nun lugar inapropiado). 





Primeiro quilómetro algo máis rápido do previsto (3.45 ´´) e tirando. Os do CAS formamos un pelotón duns sete atletas, deixando a outros tantos que se nos foran por diante (vamos, que eran máis rápidos ca nós) Son tres quilómetros con ritmos constantes de 3.52´´. Chegamos ata a Ponte da Pasaxe e controlamos como van as mulleres. Noemí vai con outra de primeiras, e a unha ducia de metros a Pilar. En dirección ao Burgo facemos outro quilómetro a 3.53´´.

Na pequena subidiña, o grupo estírase e eu quedo na cola. Julio continúa tirando. Nos seguintes dous quilómetros vou na cola pero sempre dentro do grupo.

Ao rematar a primeira volta, collo, de novo, a cabeceira do grupo formándose unha ringleira de a un e, pouco a pouco, imos quedando menos. Julio ben pegado e logo outro rapaz. Son outros tres quilómetros a 3.56´´. Na volta que damos debaixo da Ponte da Pasaxe, Julio parece que necesita afrouxar un pouco. Anímoo pero no seguinte quilómetro parece que as forzas vanlle a menos por problemas nunha perna e reduzo ritmo, son tres quilómetros a 4.00. O rapaz que viña con nós, cóllenos uns metros. Trato de Julio non aminore moito. Forzamos nos últimos metros e entramos da man en 43.18.

Durante a proba estiven algo despitado co ritmo por non controlar aínda axeitadamente o novo Garmin.

Tras cruzar a meta vemos que vén Noemí de segunda, reincorpórome á carreira e trato de animala para ir pola primeira. Pero non da máis de si. Fenomenal, de segunda. E logo, fago outros metros coa nosa Pilar que fai meta de terceira absoluta.

Contento pola acumulación de quilómetros e de continuar afinando ritmo pois nesta proba, que teoricamente era de 10 km pero na práctica de 11, xa debería estar por baixo dos 3.55´´.

Resultados: 8 e 9 (de 177 chegados á meta) en 43.18´´. Noemí de 22 na absoluta e 2ª muller, e Pilar de 24 e 3ª muller.

Agasallo final: no sorteo celebrado tras a entrega de trofeos, tocoume unha noite de hotel nun Tryp de Galicia.

1/11/18

V Carreira Aspronaga: que fago collendo trofeo?



Rematei outubro con 208 km, algún menos ca en setembro porque houbo días para descansar do asfalto. Iniciei novembro participando, case por imposición (que non home, non) de Julio na V Carreira Popular centro “Ricardo Baró” Aspronaga. Proba solidaria organizada por uns bos amigos e amigas e que conta co apoio, en persoal e infraestruturas do Club Atletismo Sada. Uns días antes, Pili, tamén obrigada a participar (que non home, non) e máis eu trotamos polo percorrido para que ela fora consciente das subidas.

Tan pouco afeito estou a isto das carreiras (que se nos perderá correndo sen sentido polo asfalto?) que saín da casa sen o chip. Pero como a proba faise a dous quilómetros da casa, non houbo problema (mágoa Julián que ti o esqueceras…)

Pouco quecemento e tempo para continuar saudando a corredores que había tempo que non vía. Fíxome especial ilusión charlar, xa sen o micrófono, con Jabalí do Sacho, míster speaker dos trails e de canta proba solidaria exista. Que grande eres Pedro!!!


Saída rápida pois era en baixada a un ritmo alto. O primeiro km  a 3.26´.  
Foto de Jorge Valdés

Sorprendentemente non me pasa ninguén na rápida baixada. Achégome a Julio e tiro onda cun segundo km a 3.49´´. Vemos como Luís vai tirando cos mellores. Tamén ven Robert. Iniciamos a subida de case mil metros. Xa non lle aguanto a Julio e cólleme uns metros.

Na parte final vou recuperando de novo e pola Ferrala case vou pagado a el. Iniciamos baixada por camiño de terra. Voulle collendo metros ao noso triatleta. Vouno tratando de animar para que non deixe de tirar pero cando chegamos á estrada para iren dirección meta xa vou en paralelo a el e pásoo antes de entrar en Aspronaga. Trato de animalo. 

 Fotos en carreira de JM Ríos


Foto de Jorge Valdés

Nos últimos metros levo a Julián moi preto. Bérrolle para que force dicíndolle que vou tras el. No sprint final son adianto por un colega do CAS.
Entrando na meta depois do Julián, o primeiro da categoría.




Resultados: de 21 (de 237 chegados á meta) en 21.30´´ 1º cat.  seguido de Julio a 5 segundos. Saíronme 5.600 metros a unha media de 3.49´´. Ben lembro como hai tres anos ao enfrearse os isquios coxeaba. Agardo que todas esas molestias sexan cousas do pasado. So hai futuro por correr.

Compartindo podium coas compañeiras, Julio e Alfonso

A proba tivo varias sorpresas. A primeiras pasarlle a Julio. Non contaba con iso pois está adestrando moi forte e cuns ritmos mellores cos meus. A segunda foi que o primeiro da categoría, Julián que entrou por diante de min, esqueceu o chip na casa e non foi incluído nos resultados. Pero nós sabemos que el foi o mellor na nosa categoría.

As mulleres impresionantes, Nati de 2ª e Pili de 3ª na clasificación absoluta.


7/10/18

XII Coruña-10: mellorando o ritmo


A Coruña-10 é sen dúbida unha proba especial para min. Nunca foi o obxectivo da tempada, nunca foi a máis importante, sempre estivo ben ao inicio ou ben no medio de algo. Pero ten un aquel especial. Nesta ocasión, volver pisar o asfalto coruñés sen preocupacións polas lesións. 

En abril do 2016 foi a última vez que fixen esta distancia na Coruña (39.12´´) xa en fase de abandono, en outubro do 2015 tivera que abandonala (do máis de centenar de probas nas que participei só abandonei en tres e dúas foron na Coru, neno) e no 2014 (que ano!!!) fixera 37.01.

Pois ben no 2018, con so sete semanas de adestramentos, sen molestias, sen medo á lesión, volvina facer. Dez mil metros pola Coruña. LUME.

NOTA: Hai cousas que non cambiaron desde a miña anterior época de “atleta”: a entrega de dorsais no Corte Inglés continúa a ser a peor das que coñezo, e mirade que coñecín. Hai probas con máis de dez mil participantes (maratonas de Madrid ou Barcelona) ou incluso de vinte mil (Behobia-San Sebastián) nas que os dorsais son entregados con máis prontitude. Pois na Coruña10 tiven que agardar 40 minutos. Alucinante.

Semana con poucos quilómetros ao igual que tamén serán poucos na vindeira. Como temos un club moi “apurao” hai que madrugar para tirar a foto conxunta ás 9.10.  Os e as que se retrasaron uns segundos, non saíron.

Quecemento escaso con Lina, Adri, Félix.. Agardo no caixón de saída con Lina e Rober. Non vemos nin a Jesús nin a Nati.

A idea inicial é saír cómodo buscando sensacións e logo forzar o que se poda. Saímos bordeando o estadio de Riazor, vou polo lado máis lento sen molestar aos que nos adiantan. A sorpresa é ver que o primeiro km saíu a 3.48´´. De verdade que ía cómodo pero decidín baixar algo o ritmo. Perdo a Rober. No segundo km toca subir ata o Milenium: 3.57´´. Xa me van pasando menos corredores. Desde que imos pola contra-meta creo que practicamente non me adiantou ninguén máis ata a liña de meta. Collo a Javier do club, quen anda a pensar máis en Porto que na Coruña, e facemos tres kms xuntos.


Ánimo de toda a xentiña do CAS (Montse, María Luisa, Mario…). Pero que grande son. Fotos de Fran (está en todas e sempre sacándonos o lado bo). No avituallamento do km 5 acelero algo para non molestar e non ser molestado collendo auga e perdo a Javier. Xa imos en dirección á rotonda da Torre. Vexo na beirarrúa ao mestre Bernando, atraveso toda a estrada para chocar a man. Canto tempo sen velo en competición! Que ledicia!. Sae o km máis lento 4.06 pero remata con ánimos personalizado de Iago que andaba a facer a súa tirada longa pensando en Valencia.

Vou pasando xente con kms a 3.55´´, 3.53´´, 3.57´´. Sorpréndome as forzas que aínda teño. Cando so faltan dous mil metros decido que hai que baleirarse, que hai que dalo todo, que hai que coñecer o estado de forma despois de sete semanas de adestramentos. Van ser os dous kms máis rápidos, 3.47´´ e faltando uns 1.500 metros vexo diante a Inés. 


Grazas, de novo, Fran polas fotos.

De novo ánimos personalizados desde a beirarrúa e novo cambio de ritmo. Esprint de mil metros a 3.37´´, a subida a meta faise dura. Vexo unha sombra que se achega por detrás. Alguén adiántame na liña de meta.

Falo con Inés. Afrouxou algo no final. Está preocupada por unha posible lesión. Eu entro feliz.

Resultados: 39.45´´ (neto 39.37´´) de 260 sobre 3.081 chegados a meta e de 19 na categoría.

Non hai restos da lesión da cadeira.

30/9/18

VIII Carreira da Auga: regresando na casa


Voltando a  comezar… que duro, que ledicia.

Lembraredes que dende o segundo semestre de 2014 non andaba ben (marcas aquelas da Coruña-10 ou da Maratona de Porto…) Logo un ano arrastrándome polo asfalto, outro de parón e médicos para iniciar o 2018 recén operado. Moita bici e algo de natación. Desde mediados de agosto retomei os adestramentos e cada día con menos molestias ocasionadas pola operación na cadeira. Pero molestias por todas partes… éche o que ten comezar de novo.

Tiradas con Pili (menudo par), a soas e sobre todo coa compaña dos integrantes do grupo de adestramento no INEF. Son feliz de volver trotar. Agora ben, os ritmos, os tempos das series, os períodos de recuperación, eses xa non son os que eran. Pero, tempo ao tempo. De xeito tal que pecho setembro con máis de 240 km feitos.

E que mellor que regresar á competición (na miña cabeza está escrito á “participación”) na proba do club?, na Carreira da Auga do Club de Atletismo Sada. Quixen compartir, o día anterior á proba, unhas mensaxes con Vanessa Lafuente. A mestra da afouteza. 

O sábado tocou botar unha pequena man preparando as bolsas para os/as participantes. O domingo houbo que madrugar algo para colaborar na montaxe da proba (vallas, entrega de trofeos…) Tempo para un café, saudar (mellor dicir ser saudado con cariño por atletas coñecidos) Pouco quecemento con Lina e Pili.

O tempo de espera antes da saída fágoo con Pili (tantos meses sen facelo…) Ela preocupada por Julio. Xusto nese intre decido que farei a proba con ela.

Saímos sen  présa (primeiro quilómetro a 4.33´´) imos mellorando ritmo. Iniciamos as costas sendo o quilómetro máis lento a 4.36´´ e o máis rápido da baixada  a 3.56´´. Compartimos quilómetros con Félix. Collemos a Inés (hoxe tocoulle facer de lebre de 45´) 

Grazas polas fotos, Fran.

Cando iniciamos a baixada noto que ela non sube moito o ritmo. Algo pasa. Cando xa estamos en Sada nos últimos dous mil metros dime que leva unha perna moi cargada. Ata ese momento non nos adiantara ninguén. Farano oito atletas masculinos. Toca aguantar ata a meta.

Entramos os dous moi contentos. A marca non é mala (44.10´´ a 4.23´´) Contentos por participar, contentos polo ambiente, pola organización, polo cariño, por compartir.

Resultados: 119 e 120.

Ela, por suposto, con pódium: 4ª absoluta e 1ª da categoría. E xuntos, primeiro equipo:




Canto tempo sen unha destas fotos... De novo formando parte desa parella

9/7/18

Gran Fondo Ézaro 2018: deixando atrás o inferno



Hai algún tempo escribín algo sobre Vanessa. Hoxe, lémbrome especialmente dela de novo. No final deste texto está o motivo.

Introdución médico-deportiva
Tras varias visitas ao fisio, Hugo insísteme que todo vai moi ben e que non debo facerlle caso ás miñas molestias. Teima na idea de que debo trotar varios días á semana. As miñas molestias dinme que non, pero como lle fago caso á quen lle pago, fun trotar. Corrín sempre con molestias e especialmente polas noites. Mentres, sigo dándolle á bici.

Nunha das saídas na bici, Álvaro comentoume que xa estaba anotado no Gran Fondo Ézaro cos seus fillos e algún achegado. Van facer a curta 78 kms, a longa, de 140 quedará para outra ocasión. Axiña inscribinme eu tamén como xeito de obrigarme a faceren quilómetros coa bici, a saíren da casa, a esquecer a operación da cadeira.

Foron dous meses de gozar dos quilómetros  e de padecer a subida a Santa Leocadia en Arteixo. Mesmo un día fun facer parte do percorrido da proba para coñecer a subida ao porto de terceira, así como a súa perigosa baixada, e tratar de subir ata o miradoiro de Ézaro onde estaría situada a meta.

Na semana anterior, revisión co traumatólogo. Confirma que fixo un traballo marabilloso na miña desfeita cadeira, que as molestias son normais e que poden durar aínda meses. Mais insiste na idea de que está ben saír a trotar en días alternos. Saio da súa consulta cabreado (nin me tocou, só falamos) e aliviado pois semella que todo vai ben e que non falta moito para o regreso ao asfalto.

Haberá xa dous anos desde a última vez que participara nunha proba deportiva. Sensacións estrañas, case de novato. Será a miña primeira marcha ciclo-turista. Como se roda en pelotón? Como se evitan os "latigazos"? Como se controla o ritmo na proba? Como se coloca un dorsal na bici? E no maillot?

As expectativas eran, hai meses, rodar a 22 km/hora para non seren eliminado da proba. Rodar con calma ata Muxía e sempre gardando forzas para tratar de subir os 1.800 metros que levan ata o Miradoiro de Ézaro. Toda a semana anterior a gorxa foi poñéndose peor, mesmo o sábado pasei por unha farmacia. Vou perdendo a voz. A alerxia está gozando no meu corpo.

Agardábase un día de sol e calor así como de moito vento pero chegando a Ézaro as nubes están baixando e, mesmo nalgún momento, ameazarán con chuvia. Do vento prefiro non dicir nada.

O día da proba, cheguei con tempo (hai costumes que non cambian) e puiden compartir uns minutos con don Ángel Nieto.

Apuntamento persoal: os verán téñoos unidos a dúas persoas e a dous deportes, unha é Angel Carracedo e o seu trote pola nosa praia e a outra é Angel Nieto coa súa bicicleta.

Logo xa aparece Álvaro e familia. 

En canto o pelotón se move un chisco xa me poño ao carón do grupiño de Montrove. A miña intención é de aprender e gozar. O primeiro quilómetro é para iren con moito coidado e evitaren as caídas. E xa comezamos a subir os tres quilómetros de Gures.

Segundo a organización, iremos en pelotón controlado a 22 km/hora ata Muxía pero vexo como na subida a xente tira e tira. Por atrás cólleme Gus, o meu monitor preferido do bike no ximnasio (case podería chamarte míster resistencia 4, pois de 5 é a súa preferida para machacarnos). Non miro para atrás e voume con Gus e o seu grupo do Triatlón Coruña. Cando chegamos á cume tampouco se para e iniciamos unha curta e rápida baixada. Vou cos músculos algo cargados por subir rápido de máis pero, xa sabedes como son. Non vou lento nin para o baño.

Confeso que quero aprenden a ir en pelotón e teño certos reparos nas baixada en grupo. Gus gáñame uns metros.  Na entrada en Cee vou con Pablo (tamén do Triatlón Coruña e compañeiro do ximnasio e de moitas carreiras) Na saída de Cee non damos collido ao grupo de Gus e pouco tempo despois perdo tamén a Pablo.

En dirección Muxía o tempo vai empeorando e case vai frío. Vemos o primeiro compañeiro caído. Xa están as asistencias onda el. A cabeciña dinme que vai con sentidiño. Trato de ir sempre por onde teña visión máis alá de dous metros. Aínda que o pelotón vai estiradísimo non quero ir moi pegado a ninguén.  O percorrido é un quebra-pernas total. Segundo compañeiro caído e tamén coas asistencias. En ningún caso semellaba grave. Como a primeira barriña. Vou bebendo con regularidade.

Vemos as obras do novo parador de Muxía e xente que está a facer a andaina da Ruta dos Faros. Antes de entrar en Muxía comprobo que a media é de 27 km/hora. Non sei se serei un suicida, se as pernas aguantarán. Pero que lle imos facer, un é coma é.

Chegada a Muxía:


Na entrada de Muxía, todos evacuamos líquido. Hai un parón xeralizado no avituallamento. Non collo líquido tan só un anaco de plátano.Tiro unha foto con Gus.
Grazas, mestre

Saio co grupo de Gus e do Trialtlón Coruña. Anímame para tratar de ir con eles e así o fago. Tomo o primeiro xel.  Nada máis saír de Muxía comezamos subir (hai que gañar uns 400 metros de altitude nuns 25 kms) Na primeira subida longa, o grupiño báixeme pero vou a carón doutro que tamén vai facer a Curta. Na baixada quedo incorporado ao grupo para bastantes kms. Son minutos de aprendizaxe, de observar cando cambian, o seu desarrollo, de ver cando beben e cando comen.

Cando cruzamos a estrada de Coruña-Cee, ía eu comendo, o grupo váiseme de novo pero como as pernas xa van quentiñas, achégome de novo onda el. Por fin, iniciamos a subida ata Ferro Atlántica. Sorpresas te da la vida!!! Durante os quilómetros de subida a este porto de terceira funme concentrando en contar a canta xente adiantamos, a uns trinta compañeiros e compañeiras. Que mo ía dicir a min. Eu adiantando na subida!!!

Tras coroar, iniciamos o perigoso descenso e todos e todas aqueles que adiantara, pásanme. Por que non darei baixado mellor? Medo? Prudencia? Falta de técnica? Ben certo é que adiantoume xente con máis quilos pero tamén xente con menos ca min. Tomo nota. Hai que mellorar nas baixada. O prato de 50 dentes será insuficiente ou haberá que poñer un de 52?

Cruce en Cee para iren en dirección a Ézaro. Tiña a intención de facer estes quilómetros que faltaban con calma para tomar outro xel, comer, beber e relaxar os músculos antes da subida final. Pero… como saberes xa, na subida a Gures, de novo, vou pasando xente e na baixada a Ézaro xa non me adiantan tantos. A media volve estar nos 27 km/hora.

Debido ao forte vento, moita xente que estaba inscrita na proba longa, abandona a idea e fai a curta. As rachas do nordés son realmente perigosas.

Cando facemos o cruce para o Ézaro e deixamos aos que van facer a longa, hai un cambio de ritmo tremendo. Todo o mundo vai amodiño, relaxando pernas, gardando forzas. Na miña idea estaba chegar a pé de porto ás 12.00 e resulta que son as 11.44 cando ademais saíramos con uns cinco minutos de retraso.

A subida final
Inícioa gardando dous piñóns. Nos primeiros cen metros xa me adiantan uns catro ciclistas. Mal comezamos penso… e deixei de pensar. So hai que dar pedais. Axiña comezo ir dun lado a outro da estreita estrada aínda que pendente de non molestar a alguén que veña por detrás máis rápido ca min. Non vou contando as curvas. Non vou pendente dos metros realizados. Tan so de dar outra pedalada máis, e outra, e outra ata que por fin chega o formigón.

Inicialmente pensara que sería boa idea facer o tramiño de formigón a pé para logo volver subirme á bici pero, como a cabezón gáñanme poucos, decidín que o meu 34x28 ben podería co formigón.

Levanto a cabeza, vexo a curva do 30% de desnivel. Sen pensar e para arriba. 










Da miña gorxa saen ruídos onomatopeicos para traspasar todo o esforzo a sons. Son coma unha especie de bufidos para descargar a adrenalina e darme ánimo. Continuo de lado a lado e case atropelo a Teresa, esa heroína que pasou tempo e tempo para tirar unhas fotos. Dame un berro de ánimo personalizado. Non llo podo responder con cariño. Gravoume este pequeno vídeo onde, efectivamente o de azul e branco son eu:


Continúo bufando e berrando LUME. Levanto un intre a mirada para saber o que ven. Unha tolemia de desnivel, sen pensar continuo dando pedais. A agonía en estado puro. Un mareo dun segundo. O corazón na boca.

A roda dianteira separouse varias veces do asfalto. Conciénciome de que teño que ter coidado.

Fotos de Manuel Domínguez Cano

Sabía que tras o formigón aínda quedaba un treito realmente duro. De lado a lado. Cando faltan 550 metros os isquios e o xemelgo da perna dereita ameazan con contracturarse. Doulles un respiro e pedaleo case so coa esquerda. Practicamente non me adiantara ninguén desde os primeiros metros da subida pero agora noto que levo un bo grupiño pegado. Xa sei que non baixarei da bici ata cruzar a meta. Mágoa de non poder forzar máis. Non fago ademán de defender a posición, chégame con seguir subindo. Pásanme varios e paso a algún. Vamos sendo moi animados. Póñome guapo para as fotos (as gafas quiteinas antes de iniciar a subida). Cada vez que vexo un fotógrafo, peitéome e busco un sorriso na faciana.


Na liña de meta deixo pasar a don Marino Lejarreta.

Sensación de orgullo pola proba realizada e pola última subida. As pernas sempre trataron ben á cabeciña.

Medalla. Foto con don Mariño. 

Un Powerarde de penalti. Un plátano. Un saúdo moi agarimoso con Baltasar (colega muradán das carreiras de asfalto).

Inicio a baixada dando ánimos aos que veñen subido. Vou ata onde está Teresa para agardar pola súa familia. Foise poñer no lugar máis duro. Dámonos un gran bico. Moitísimas grazas Teresa polos ánimos. Vemos como veñen subindo moitos pero cada vez hai máis xente que fai camiñando o tramo de formigón. 

Non podo agardar máis e tiro para Louro, deixando a Teresa en espera.

Resultados: 87 de 342, en 3.10,39´´. A subida ao Miradoiro foi en en 17.00´´, posto da subida 109.

Como ves, Vanessiña, Nunca choveu que non escapara!!!